Antena 3 Televisión
Cadea privada de televisión de ámbito estatal que comezou a emitir no ano 1990. Foi unha das tres primeiras emisoras privadas de televisión autorizadas en España. Na súa orixe pertencía ao mesmo grupo que a emisora de radio Antena 3, liderado polo grupo de La Vanguardia e o conde de Godó, e os seus contidos baseábanse nunha primacía da información sobre os outros xéneros televisivos. O fracaso empresarial desta oferta levou a un cambio do accionariado, adquirindo o Grupo Z, de Antonio Asensio, a maioría do capital social. O novo propietario confioulle ao pontevedrés Xosé Manuel Lorenzo a dirección xeral, e este promoveu a viraxe cara a unha programación onde primaba o espectáculo e o entretemento, co que conseguiu mellorar os resultados económicos e de audiencia da empresa. En 1998 Telefónica adquiriu a maioría das accións da cadea. En Galicia, como noutras comunidades autónomas, emitía un programa especial nas mañás dos sábados (Galicia a fondo), dirixido por Bieito Rubido, centrado en informacións de tipo político, deportivo, artístico e cultural. Dende xullo de 1999 ofrece desconexións para a comunidade autónoma con espacios informativos propios desde a súa delegación de Santiago de Compostela.