Anthony, Susan Brownell
Escritora estadounidense defensora dos dereitos da muller. Exerceu a docencia ata os trinta anos. Tomou parte no primeiro congreso feminista de Séneca Falls (1848). Entre 1854-1861 asumiu a causa abolicionista e traballou na Sociedade Antiescravista Americana. En 1863 fundou a Liga de Mulleres Leais para loitar pola emancipación dos escravos. En 1851 propugnou a reforma das leis discriminatorias do estado de Nova York, pronunciou conferencias e organizou, xunto a Elizabeth Cady Stanton, unha campaña para modificar a lexislación vixente. Considerou obxectivo primordial a consecución do sufraxio feminino, polo que en 1869 foi membro fundador da National Woman Suffrage Association, da que foi presidenta ata os oitenta anos. En colaboración con Stanton, publicou o xornal Revolution e a obra The History of woman’s suffrage (3 tomos, 1881-1888). En 1888 participou na creación da Asamblea Internacional de Mulleres, onde estaban representados 48 países.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Adams, Massachussets -
Deceso
Lugar : Rochester, Nova York