anticorpo

anticorpo

(

  1. s m [FISIOL]

    Globulina do sistema gamma con capacidade de unión específica cun determinado antíxeno. In vitro, os denominados anticorpos completos conducen a unha precipitación ou aglutinación dos antíxenos. Existen, sen embargo, outros que só se manifestan unidos especificamente ao antíxeno correspondente, e chámanse anticorpos incompletos. A acción do anticorpo in vivo pode manifestarse por unha neutralización da acción tóxica do antíxeno ou ben orixinar unha reacción de sensibilización cutánea inmediata. Coñécense os anticorpos naturais, e os anticorpos de inmunización, que aparecen despois dun proceso de infección ou de inmunización. Para que un antíxeno provoque a formación de anticorpos, xeralmente ten que ser alleo ao organismo formador destes. Non obstante , en determinadas circunstancias, pode ser un antíxeno do propio organismo (autoanticorpos). A presenza de anticorpos no organismo produce un estado de inmunidade pasiva ou activa que, durante máis ou menos tempo, protexe o organismo de novos contactos co antíxeno específico.

  2. anticorpo monoclonal/monoespecífico [FISIOL]

    Anticorpo inducido por cultivo in vitro dunha célula híbrida ( hibridoma) -ou pola liña celular por ela xerada- constituída pola fusión dun linfocito sintetizador de anticorpos específicos cunha célula procedente dun mieloma. Os hibridomas de cada liña determinada producen un único tipo de anticorpos de gran pureza e especificidade.