Antiga

Antiga

Illa das Pequenas Antillas (280 km2), que, coas illas de Barbuda e Redonda forma o estado de Antiga e Barbuda. Fórmana terreos montañosos volcánicos ao SO e unha chaira calcaria ao N e NL, con costas recurtadas rodeadas de barreiras coralinas. O clima é tropical (25°C de temperatura media anual), relativamente seco (1.100 mm de precipitación anual). Cultívase cana de azucre, algodón, tabaco, e froiteiras con destino á exportación. Hai industrias derivadas da agricultura (refinería de azucre, destilerías de ron). O turismo é unha importante fonte de ingresos. Ao N hai un aeroporto e unha base aeronaval dos EE UU. Os portos de máis tránsito son Falmouth, ao S e, sobre todo Saint John´s, na costa NO, que é a capital do estado. Foi descuberta por Cristovo Colón en 1493.