Antígona
Personaxe lendaria da literatura grega que naceu do matrimonio incestuoso de Edipo coa súa nai Iocasta. Acompañou a seu pai cego no desterro de Tebas e soterrou o seu irmán Polinices, desafiando o mandato do tío Creonte. Por todo isto, Antígona representa a suprema fidelidade á familia e á propia conciencia por riba de calquera lei civil ou militar. No Edipo en Colonos de Sófocles aparece como personificación do amor filial e na traxedia do mesmo autor, que leva o nome da heroína, representa a loita polo poder. O mito de Antígona foi recreado en multitude de linguas e deu lugar a óperas e ballets, destacando a Antígona neoclásica de Alfieri (1783). Máis recentemente, as implicacións políticas do tema convertírono en obxecto de diversas revisións; reviviu logo durante a Segunda Guerra Mundial e na posguerra por mor da súa repercusión na literatura, fundamentalmente polas recreacións que Hegel e Sartre fixeron da traxedia antiga, e que se poden percibir nas versións de Anouilh (1942) e de Brecht (1948). Na literatura galega, destaca a obra de Mª Xosé Queizán Antígona, a forza do sangue.