Antígona, a forza do sangue
Texto orixinal de María Xosé Queizán publicado en 1989, no que se recrea o mito de Antígona, un dos máis permanentes e actuais da cultura occidental, e que pode englobarse no xénero denominado dramática histórica. Nesta adaptación, o mito de Antígona desenvólvese nunha Galicia medieval, a piques de perder a súa independencia e a súa identidade como Reino. Don Fruela, conde galego fiel ao Rei Don García, promove unha revolta contra o conde Oveco, representante en Galicia de Afonso VI, Rei de León e Castela, mais a revolta fracasa e Don Fruela morre. Ha ser Elvira, a súa irmá, a que teña que continuar a loita, pero será apresada e finalmente, para salvar honra e dignidade, quitarase a vida. Como epílogo da traxedia, escóitase o berro de Aldena, a muller de Fruela, que reclama parir en liberdade.