Antillas, As

Antillas, As

Cadea de illas que se estenden desde a península da Florida ata as costas nororientais de América do Sur en forma de arco, e que separan o golfo de México e o mar Caribe (ou das Antillas) do Océano Atlántico (240.000 km2; 28.000.000 h). Divídense en tres grandes grupos: ao N, as Bahamas e as illas Turks e Caicos, as Grandes Antillas no centro e as Pequenas Antillas ao S. As Grandes Antillas están formadas por Cuba, Xamaica, La Española -dividida entre Haití e a República Dominicana-, Porto Rico e as illas Caimán. As Pequenas Antillas están formadas por dous arquipélagos: as illas de Barlovento ao L, e as illas de Sotavento, ao S, fronte á costa venezolana.
Xeografía física
A maioría das illas son cumes emerxidos a partir dun sistema de drobamentos, que enlazan cos macizos de Yucatán, Guatemala e Honduras. As Pequenas Antillas están en relación coas montañas de Venezuela. Nas Grandes Antillas as cadeas montañosas sobrepasan os 2.500 m e rodean chairas aluviais baixas. O solo ofrece sinais dunha actividade volcánica antiga. Os volcáns apagáronse practicamente nas illas grandes, pero non acontece o mesmo nas pequenas, como amosou no 1902 a grande erupción do monte Pelée na Martinica. Son volcáns en xeral de tipo peleano ou explosivo; non expulsan lava, senón cinsa e gases tóxicos. A rexión volcánica sitúase nunha área pequena, pero a rexión sísmica é máis ampla, sendo frecuentes os grandes cataclismos. As áreas de actividade sísmica seguen a dirección das grandes fosas submarinas e dos drobamentos oroxénicos. A xeomorfoloxía litoral responde á erosión mariña, á actividade coralina e aos efectos do vulcanismo. O clima é tropical, caracterizado polas chuvias abundantes e a forte calor. As temperaturas, suavizadas pola influencia do mar, acadan unha media de 26°C, con máximas de entre 30°C e 37°C e mínimas de entre 10°C e 12°C. Hai dúas estacións, unha chuviosa, de maio a outubro, con precipitacións torrenciais, e outra seca, de novembro a abril. Na estación das chuvias son frecuentes as precipitacións de sarabia. Os ciclóns tropicais son habituais cando baten os alisios do NL no arquipélago. Os ríos son curtos e pouco caudalosos. Estas illas gozan dunha vexetación natural de gran riqueza por mor do clima. A selva mantense exuberante en amplas rexións, pero, en xeral, está moi modificada pola talla abusiva e a introducion de cultivos esóxenos, como a cana de azucre, o café, o cacao e a laranxa. A fauna, pouco variada, está en regresión debido á gran densidade de poboación.
Xeografía humana
A colonización a partir do s XVI provocou unha extraordinaria diversidade de tipos humanos. Logo da desaparición dos indios caribes, a instalación dos brancos europeos foi seguida pola chegada de escravos negros africanos. A mestizaxe propiciou unha poboación diversa segundo as illas. En Porto Rico e Cuba os leucodermos superan o 72% mentres que en Haití representan menos do 1,1%. Tamén hai unha gran diversidade lingüística e relixiosa. Son illas moi poboadas, cunha densidade media de 116 h/km2, destacando os 603 h/km2 de Barbados, os 362 h/km2 de Porto Rico e os 328 h/km2 de Granada. As maiores entidades de poboación son: A Habana (2.241.000 h [1995]), Santo Domingo (2.138.269 h [1993]), Porto Príncipe (846.247 h [1995]; 1.425.594 h [1995] na área metropolitana) e San Xoán de Porto Rico (438.078 h[1995]).
Xeografía económica
A economía está ligada á agricultura, ben de autoconsumo ben de exportación, agás en Porto Rico (industria diversificada e desenvolvida), e Trinidade, Aruba e Curação (refinerías de petróleo). Nas Grandes Antillas predomina a agricultura de plantación coa cana de azucre, café, tabaco, cacao e sisal. A cana de azucre é o cultivo máis importante debido ao seu doado crecemento e alta rendibilidade, e cultívase aínda en detrimento doutros produtos agrícolas. Entre os produtos de exportación agrícola tamén destacan as madeiras preciosas, as flores e as hortalizas. A carón das grandes plantacións e nun forte contraste, os labregos manteñen unha pobre agricultura de autoconsumo a base de millo e mandioca. A gandería, sobre todo bovina, é importante en Cuba, República Dominicana, Porto Rico e Xamaica. A pesca é unha actividade reducida ao ámbito local, sen repercusión no comercio exterior antillano. Os principais recursos mineiros son: petróleo, ferro, cobre, manganeso (especialmente en Cuba) e bauxita (en Xamaica). A industria está aínda moi pouco desenvolvida (agás en Porto Rico), e as principais actividades manufactureiras son tradicionais e baseadas na transformación dos produtos agrícolas: elaboración de tabacos e destilerías de licor (ron). É de gran importancia o sector turístico, para o que se procuraron excelentes medios de comunicación.
Historia
No momento inicial da colonización española de América, a poboación das Antillas pertencía a dúas grandes familias étnicas sudamericanas: os arauacos e os caribes. As illas máis importantes foron descubertas por Cristovo Colón, que na súa primeira viaxe (1492) desembarcou na illa de Guanahaní (San Salvador). Os casteláns ocupáronas sen loita, agás Porto Rico, as Pequenas Antillas e parte de Guanahaní, onde os caribes resistiron ata a deportación dos seus derradeiros representantes no s XVII. Moitas illas foron ocupadas por outros estados europeos: Curação por Holanda (1634), Martinica e Guadalupe por Francia (1635), Xamaica (1655) e Trinidad por Inglaterra (1779). Durante o s XIX conseguiron a independencia Haití (1803), a República Dominicana (1843) e Cuba (1899), pero coa ocupación de Porto Rico polos EE UU (1899) e o dereito á intervención en Cuba (1901), o monopolio aduaneiro en Haití (1905), a adquisición das Antillas Dinamarquesas (1917), o monopolio aduaneiro en Cuba (1923) e a adquisición das bases inglesas en Xamaica (1940) estableceuse nestas illas un claro predominio estadounidense, do cal só se afastou Cuba tralo triunfo da revolución castrista (1959). Posteriormente conseguiron a independencia algunhas das restantes illas do arquipélago: Trinidad e Tobago (1962), Xamaica (1962), Barbados (1966), Bahamas (1973), Granada (1974), Dominica (1978), Santa Lucía (1979), San Vicente e as Granadinas (1979), Antiga e Barbuda (1981) e San Cristovo-Nevis (1983). Algunhas illas aínda permanecen baixo a administración colonial europea, como Martinica e Guadalupe (Francia) ou as Antillas Neerlandesas. A formación do CARICOM (Mercado Común do Caribe) pulou pola revalorización económica, política e estratéxica do arquipélago, que se converteu nun escenario da rivalidade entre as potencias politicamente hexemónicas xa dende o mesmo s XVI.