Antioquía
Capital do il de Hatay, Turquía, próxima ao río Orontes (137.200 h [1995]). Centro administrativo, comercial e agrícola dunha fértil área. Cidade da antiga Siria, fundada cara ao 301 a C por Seleuco Nicátor en memoria do seu pai Antíoco. A súa época de apoxeo foi o helenismo, particularmente durante o reinado de Antíoco III (242-187 a C). Cando Siria pasou a ser provincia romana (64 a C) foi o lugar de residencia do gobernador da provincia. Durante a época imperial romana mantivo unha grande importancia estratéxica, administrativa e económica, sendo un dos eixes do comercio con oriente xunto a Palmira, Damasco e Petra. Adriano embeleceuna con diversidade de monumentos e Diocleciano fíxoa sede dunha das dióceses de Oriente. Foi un dos primeiros e principais centros cristiáns (Patriarcado de Antioquía). Ocupada e destruída polo Emperador persa Cosroes I (538), AntioquÍa foi reconstruída por Xustiniano e chamada dende aquela Teópole. Conquistada sucesivamente polos árabes (637), polos bizantinos (966) e polos turcos seleúcidas (1084), foi ocupada no 1098 polos cabaleiros da Primeira Cruzada e convertida en capital do Principado de Antioquía, fundado por Boemon I de Tarento. No 1268 o Sultán mameluco Baybars tomouna aos cristiáns. Agás dun breve período de dominio exipcio (1832-1840), Antioquía estivo sometida polos turcos entre 1517 e 1920, cando entrou a formar parte do protectorado francés de Siria. Devolta a Turquía no 1939, Antioquía, chamada modernamente Antakya, conserva a súa diversidade relixiosa entre a poboación (cristiáns e musulmáns). A cidade moderna ocupa parte da antiga, da que se conservan relativamente poucos restos, a pesar da súa importancia na Antigüidade. Salientan parte das murallas romanas, nas que se poden observar algunhas portas e torres. Entre os museos da cidade cómpre citar o dedicado á musivaria.