antitanque
(
Dise de calquera medio ou arma con capacidade para destruír, inutilizar ou polo menos dificultar a actuación de tanques e doutros vehículos blindados. Os sistemas pasivos (valados, obstáculos, obstrucións, etc) son de carácter secundario diante dos activos, actualmente moi diversos e dunha maior eficacia. As minas antitanque clásicas lánzanse dende aeronaves ou mediante foguetes e, pasado un certo tempo, desactívanse elas mesmas. Ao lado dos lanzafoguetes portátiles que disparan proxectís de carga baleira, igual ca os dos canóns sen retroceso, existe unha ampla gama de mísiles antitanque: os máis lixeiros, guiados por fío e disparados por un só soldado, teñen un alcance duns 2.000 m; cun alcance de 4.000 m, existen uns mísiles guiados por infravermellos ou ben por láser. Todos estes mísiles poden ser lanzados dende helicópteros de ataque, sendo esta a combinación máis efectiva na loita antitanque. Malia estes avances tecnolóxicos, o canón dos propios tanques preséntase aínda como unha arma de grande eficacia.