Antón Abade, santo
Patriarca dos cenobitas da Tebaida (Exipto), que levou unha vida senlleira no deserto. Xa vello, visitou a san Paulo o Ermitán, outro dos anacoretas da Tebaida, alimentado milagrosamente por un corvo. Santo Antón Abade, santo Antón de xaneiro ou santo Antón o Verdadeiro, amais de ser avogoso dos partos é, en Galicia, o patrón dos porcos (santo Antón lacoeiro) e, por extensión, de todos os animais; no resto de España a protección dispensada por este santo aos animais pasou ao patrón dos portugueses, santo Antonio de Lisboa ou de Padua. No seu día lévanse a bendicir porcos, vacas, cabalos e mesmo cans, gatos e paxaros. En Espasante e Celanova é tradición mercar entre os veciños un porco que anda ceibo cunha campaíña ao pescozo e que vai de casa en casa, onde lle dan de comer e tamén, en concepto de ofrenda ao santo, lle dan bo millo. Cando xa está ben cebado, póxano e cos cartos obtidos fanlle unha festa a santo Antón; este é o chamado “porco de santo Antón”. Na Estrada animan as xugadas invocando a santo Antón e, cando se lle pregunta a un de quen é o gando, por veces responden: “meu e mais de santo Antón”. Na véspera fanse fogueiras e danse voltas arredor delas e, en Abedes (Verín), os mozos dan a volta á igrexa do santo con fachos de palla e logo asan chourizos, como acontece noutros lugares con santo Amaro. A festividade de santo Antón Abade celébrase o 17 de xaneiro.