Antoninos
Dinastía imperial romana que gobernou entre o ano 96 e o 192 d C. Iniciouse coa subida ao poder de Nerva (96-98), quen puxo fin á época de terror do seu antecesor, Domiciano, pechando todos os procesos contra os seus adversarios. Isto permitiu o regreso dos exiliados, e a devolución dos bens que lles foran confiscados. O segundo Emperador da dinastía foi Traxano (98-117), quen logrou a máxima expansión territorial do Imperio coa conquista de Armenia e Dacia (105). De orixe hispalense, potenciou a infraestrutura imperial na Hispania. O seu sucesor, Adriano (117-138), tamén de orixe hispánica, renunciou á política expansionista e iniciou unha serie de obras defensivas, como as murallas que levantou en Escocia (122-127) para protexerse dos utos e dos escotos; iniciou, así mesmo, un intenso proceso de reorganización da administración imperial. Co galo Antonino Pío (138-161) o Imperio acadou un momento de pax completa. Marco Aurelio (161-180), descendente dunha familia orixinaria da Bética, gobernou xunto co seu irmán adoptivo Lucio Vero (161-169) e pasou á historia como o Emperador filósofo. Restaurou o prestixio do Senado, reforzou a autoridade imperial, xerarquizou a administración e saneou as finanzas. A dinastía rematou con Cómodo (180-192), condenado polo Senado trala súa morte á damnatio memmoriae (destrución daquilo que lembrase a súa memoria). En conxunto, este período coñécese como saeculum aureum (século de ouro) debido á prosperidade económica e á paz interna, alicerzada nun equilibro de poder entre Emperador e Senado; así mesmo é o momento en que as provincias adquiriron unha relativa importancia política e económica que as equiparou xuridicamente con Roma, continuando un proceso que comezara a dinastía Flavia. Resolveron o problema sucesorio co sistema da adopción, solución de compromiso entre a tradición electiva do Senado e a hereditaria do exército e boa parte da administración. Durante este século realizáronse numerosas obras públicas ao longo do Imperio, entre as que figuran algúns dos máis coñecidos monumentos romanos. En Galicia a maioría das obras datan do tempo de Adriano como é o caso da Torre de Hércules, as termas de Lugo e a ponte sobre o río Bibei.