António de Lisboa, santo

António de Lisboa, santo

Franciscano, predicador e teólogo. Foi ordenado sacerdote en Coimbra e en 1220, con motivo de pasar as reliquias dos primeiros franciscanos mártires do Marrocos, ingresou na orde de San Francisco trocando o seu nome de pía, Fernando, polo de António. Logo marchou como misioneiro ao norte de África para predicar entre os musulmáns, pero unha súbita enfermidade obrigouno a reembarcar. Cando regresaba, unha tempestade levouno ata as costas de Sicilia. Seguidamente, marchou a Asís, berce do fundador da súa orde. Alí, consagrouse á predicación e acadou renome cos seus sermóns, o que o levou a ensinar Teoloxía en distintas escolas da Occitania. Durante os anos 1223-1225 ensinou en Boloña (Santa Maria della Pugliola), e logo en Montpellier e Toulouse, entre outros lugares; destas ensinanzas naceu a Escola Teolóxica Franciscana. A teoloxía dos seus Sermones dominicales e os Sermones in solemnitatibus Sanctorum é marcadamente querigmática e presenta un carácter pastoral. No 1230 asistiu ao traslado dos restos de san Francisco en Padua e no 1232 foi canonizado por Gregorio IX. Considerado doutor da Igrexa Católica, é o patrón de Lisboa e a súa festividade celébrase o 13 de xuño. Os sermóns de Bernardino de Siena espallaron a súa lenda no s XV. Como devoción, hai que citar os trece martes de Santo Antonio, popularizados a partir do 1619, ao igual ca o denominado pan dos pobres, que consistía nunha esmola de pan como lembranza do milagre. A tradición, á parte de facelo avogoso das cousas extraviadas, considérao como un santo casamenteiro. Velaí que na tradición oral poidan recollerse cantigas deste tipo: “Santo Antoniño bendito, dádeme un home, aínda que me mate, aínda que me esfole”.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Lisboa

  • Deceso

    Lugar : Padua