Anveres
Capital da provincia de Anveres, en Flandres (Bélxica), situada ao fondo do esteiro da Escalda (459.072 h [1995]). Forma unha auténtica conurbación con Bruxelas, con preto de 4 millóns de habitantes entre os 40 km que separan as dúas cidades. O núcleo antigo está no interior dun recinto murado do s XVI. A cidade esténdese á beira do río e posúe un dos portos máis importantes do mundo tanto polo seu tráfico como polas súas instalacións. Aínda que a súa importancia tamén se debe á súa proximidade ás rexións de industria pesada do noroeste de Europa. O gran movemento portuario favoreceu o nacemento dunha industria moi diversificada (refinerías, petroquímica, autómobil, agroalimentaria, talle de diamantes, etc). Unida ao Sacro Imperio Romano-Xermánico, converteuse no 1008 no centro dun marquesado dependente do ducado de Brabante e do Imperio. A cidade, sen embargo, non adquiriu relevo ata o s XIV, cando comezou a monopolizar o tráfico entre Inglaterra e o oeste de Alemaña. Anveres converteuse na rival de Bruxas, á que foi desprazando pouco a pouco. No 1460 creouse a primeira bolsa internacional de comercio; este feito converteu a Anveres no primeiro centro financeiro de Europa. Deste xeito, Anveres eclipsou definitivamente a Bruxas. A finais do s XVI comezou a declinar a causa do saqueo español (1576) e o célebre asedio de Alexandre Farnesio (1585). O Tratado de Münster (1648) acabou por afundir Anveres ao pechar a navegación da Escalda a prol de Amsterdam. O Congreso de Viena incluíuna nos Países Baixos, pasando a Bélxica a mediados do s XIX. Dende o s XV acadou un desenvolvemento artístico de verdadeira importancia que se reflicte ben na súa catedral (1395-1520). A prosperidade económica no s XVI, coincidente coa decadencia de Bruxas, repercutiu no seu esplendor artístico; neste período salientan Metsys, Patinir, a escola manierista que leva o nome da cidade ( manierismo) e, máis tarde, Aertsen e os Bruegel. No s XVII destacaron os pintores Pedro Pablo Rubens, Van Dyck e Jordaens.