Ánxel Fole, Premio Literario
Convocado pola Fundación Caixa Galicia-Claudio Sanmartín e o xornal El Progreso, dende 1987 premia orixinais escritos en galego e castelán sobre a vida e a obra dunha personalidade da cultura galega cunha dotación dun millón de pesetas. Nas sucesivas edicións resultaron gañadores: Tareixa Castro por O trasmundo de Ánxel Fole (1987); Carlos Fernández por O pensamento epocal en Celestino Fernández de la Vega (1988); José Sánchez Reboredo por El silencio y la música: ensayo sobre la poesía de Pimentel (1989); Xoán González Gómez por Álvaro Cunqueiro, tradutor (1990); Carlos Casares por Ramón Piñeiro: unha vida por Galicia (1991); Aurora Marco por Foula e Ronsel: os anos xuvenís de Carvalho Calero (1992); Xosé Ramón Freixeiro Mato por Da montaña ao corazón: produción literaria e lingua en Noriega Varela (1993); Román Raña Lama por A Vixilia no Gólgota infinito: as liñas temáticas de Lanza de soledá (1994); Alfonso Blanco Torrado por A ascensión dun poeta (1995), sobre a figura de Xosé Mª Díaz Castro; Mª José Rodríguez Valcárcel por Aureliano J. Pereira no Rexurdimento galego (1996); Ricardo Polín e Luz María Durán por José Crecente Vega, a poesía de Codeseira. Edición crítica e estudio (1997) e Ramón Reimunde por Ben pode Mondoñedo desde agora: a esencia popular na obra e na lingua de Manuel Leiras Pulpeiro (1998).