anxina

anxina
  1. [PAT]
    1. s f

      Inflamación total ou parcial do istmo da farinxe. Pode representar o proceso principal dun cadro clínico ou ben simplemente un aspecto común a diversas enfermidades, sobre todo infecciosas, como a mononucleose infecciosa. A anxina aguda catarral é a máis común; de orixe estreptocócica, provoca tumefacción e cor vermella do veo e dos piares palatinos (anxina vermella), disfaxia, febre e dor de cabeza. A anxina crónica é unha secuela da anxina aguda e pode ser o punto de partida doutras enfermidades infecciosas graves (febre reumática, nefrite, septicemias tonsilóxenas, etc). A anxina flegmonosa é a causada polo flegmón ou absceso da amígdala. A anxina herpética caracterízase pola formación na farinxe de pequenas vesículas que despois se ulceran. A anxina lacunar ou folicular tamén se produce xeralmente por unha infección estreptocócica; as amígdalas, encarnadas e tumefactas, adoitan presentar manchas dun branco amarelado (anxina branca), que corresponden aos cravos de pus. A anxina pseudomembranosa aparece acompañada dunha exsudación pseudomembranosa; normalmente prodúcese polo bacilo de Loeffler. A anxina ulceromembranosa de Plaut-Vincent orixínase pola asociación de bacilos fusiformes e espirilos. A anxina ulceronecrótica de Henoch segue á aparición dunha escarlatina grave. OBS: Utilízase xeralmente en plural.

      Confrontacións: amigdalite.
    2. anxina abdominal/intestinal

      Cadro de dor abdominal causada por unha diminución da irrigación sanguínea dos intestinos, xeralmente provocada por unha arteriosclerose das arterias mesentéricas.

    3. anxina de Ludwig

      Inflamación flegmonosa da base da boca. É consecuencia da supuración da glándula salival submaxilar.

    4. anxina de peito

      Síndrome caracterizada pola dor ou constrición na rexión anterior do tórax, en xeral en forma de crises breves, que ás veces van acompañadas de angustia e de sensación de morte inminente. Aparece relacionada cos esforzos físicos e as emocións. A anxina de peito é estraña antes dos corenta anos; a máxima frecuencia obsérvase entre os cincuenta e os setenta anos. É máis frecuente entre os homes que entre as mulleres. A causa da anxina de peito é a falta momentánea da cantidade suficiente de sangue nunha porción do músculo cardíaco. No 95% dos casos prodúcese pola oclusión ou redución do diámetro das arterias coronarias por arteriosclerose e, excepcionalmente, por outras causas. No outro 5% prodúcese por cambios da hemodinámica cardíaca ou empobrecemento do sangue. O mellor tratamento da crise é a nitroglicerina por vía sublingual e outros nítridos de acción rápida. A anxina de decúbito é a anxina de peito que se manifesta cando o enfermo adopta esta postura, sobre todo na cama, e suponse que é unha manifestación de insuficiencia cardíaca esquerda agravada pola postura. A anxina de Prinzmetal é a que se produce en repouso, e débese a un espasmo da arteria coronaria máis que a unha oclusión.

    5. s f pl

      amigdalite.

  2. s f [VETER]

    Enfermidade dos animais de pata redonda que consiste na inflamación, especialmente, das primeiras vías respiratorio-dixestivas.

Palabras veciñas

anxi(o)- | anxiéctase | Anxilberte | anxina | anxinoso -sa | Anxio | anxioblasto