anxo

anxo

(< lat angĕlu < gr ἄγγελος ‘mensaxeiro’)

  1. s m [RELIX]

    Espírito celestial, mensaxeiro de Deus e superior aos homes. No século IV a C o Zoroastrismo cría nuns seres superiores e custodios de determinadas cousas terrestres, chamados Amesa Spenta. No Xudaísmo, son citados a miúdo na Biblia como seres que serven constantemente a Deus e que son, ao mesmo tempo, os seus mensaxeiros. No Novo Testamento interveñen varias veces na vida de Xesús (Anunciación, Nacemento, Tentación, Ascensión e Resurrección). Máis tarde artellouse un corpo de doutrina sobre os anxos: o Pseudo-Dioniso (s V), no que se establece unha xerarquía en nove ordes. A escolástica presentábaos como seres puros, libres e inmortais, con coñecemento superior ao dos homes. Creados por Deus en estado de felicidade, foron postos a proba, e unha parte deles, os anxos malos ou demos, volvéronse contra El. A Igrexa Católica proclamou artigo de fe a verdade bíblica da existencia dos espíritos puros (Concilio IV de Letrán, 1215), insistindo na súa veneración. Así mesmo, mantén a existencia de anxos custodios, que velan polos homes. O Protestantismo outorgoulles menos importancia, ata o punto de que algunhas confesións lle negaron a súa existencia. No Islam faise mención aos anxos no Alcorán. Divididos en diversas categorías, os máis importantes son Miguel, Gabriel, Rafael e Azrael. Nas súas diversas categorías anxélicas foron obxecto de interpretacións iconográficas particulares (arcanxo, querubín, serafín, etc). A iconografía concreta do anxo como figura antropomorfa alada, ten precedentes nas figuras de xenios alados mesopotámicos; Grecia proporcionou coas representacións de Hermes a imaxe que a arte cristiá adoptou no s IV. O modelo de anxo bizantino, asexuado, pasou ás representacións románicas; na arte Gótica o modelo foi adquirindo un aire feminino; no Barroco tomou forma de infante.

    Confrontacións: arcanxo, querubín, serafín.
  2. s m [ARTE]

    Figura, xeralmente un neno, que representa un anxo, pintada ou esculpida nos retablos e nas fachadas como complemento decorativo.

  3. s m

    Persoa moi bondadosa e afable.

  4. anxo da garda [RELIX]

    Designación que na Igrexa Católica alude a aquel espírito celeste que defende e vixía a cada ser humano de xeito individual.

  5. anxo grande [NUMIS]

    Nome xenérico da moeda de ouro, con debuxo do arcanxo San Gabriel lanceando o dragón, amoedada por vez primeira por Filipe VI de Francia no 1341, e logo tamén en Inglaterra (Eduardo IV) e Flandres (Filipe o Atrevido).

  6. anxo heráldico [HERÁLD]

    Figura representada en forma dunha doncela vestida cunha dalmática e coas ás case baixadas.