Apalaches
Cordal de dobramento de América do Norte, aproximadamente paralelo ao litoral NL. Vai desde a península de Gaspé e Nova Brunsvic, no Canadá, ata as chairas do S-L de Alabama, nos EE UU (máis de 2.600 km de lonxitude e 200-300 km de anchura). O sistema montañoso pode dividirse en tres partes: A zona setentrional vai desde Terranova ata o río Hudson e inclúe as montañas de Shieckshock, de Notre-Dame, as White Mountains de Nova Hampshire e as Green Mountains de Vermont. A zona central comprende a rexión do Great Valley, os altiplanos de Allegheny de Nova York, o oeste de Pensilvania e de Virxinia e unha gran parte do Blue Ridge. A zona meridional está formada por unha grande extensión da plataforma de Piedmont. O pico máis elevado dos Apalaches é o Mitchell (2.037 m). As rochas que a compoñen son esencialmente de dous tipos: ígneas (granitos) e sedimentarias do Paleozoico, ás veces fortemente metamorforseadas por intrusións graníticas, con representación de todos os pisos dende o Cámbrico ao Pérmico. A súa estrutura está constituída por un gran número de dobramentos paralelos, de pouco radio e gran precorrido (relevo apalachense). Na rexión central, os ríos Delaware, Potomac e Susquehanna bañan cara ao S-L e van parar ao Atlántico. Os Apalaches están bañados cara ao O polos ríos de Cumberland e Tennessee, que van parar finalmente ao golfo de México. Ao N, os principais cursos fluviais (Hudson, Connecticut e Penobscot) corren de N a S. Toda a rexión está moi cuberta de bosques de abetos, cedros, bidueiros, nogueiras, freixos, etc, que proporcionan madeira de calidade. Hai importantes xacementos minerais (petróleo, hulla, etc).