apelido

apelido

(

s m [LING]

Tipo de antropónimo que constitúe un nome de familia e que se transmite de pais a fillos, polo que indica a filiación de cada un. É o nome estándar empregado para identificar ou individualizar unha persoa en particular, especialmente nunha listaxe de nomes (votantes, candidatos, estudiantes, escritores, etc), e acompaña ao nome propio ou de pía. Teñen dereito ao apelido os fillos naturais, os porfillados e, nalgúns ordenamentos, a muller casada con respecto ao do marido, mesmo despois de divorciarse. Nos países de orixe hispánica adóitase empregar dous apelidos, o do pai e o da nai, por esta orde; aínda que tamén é posible poñer primeiro o da nai. A formación dos nosos nomes de familia é antiga; remóntase á Idade Media ( antroponimia). A creación dos ‘segundos nomes’, dos que son herdeiros os nosos apelidos actuais, levouse a cabo a través de tres procedementos: 1) A indicación do nome do pai, que se realizou das seguintes maneiras: a) O nome do pai en xenitivo: “Menendo Ruderici” (doc ano 933 en Manuel Lucas Álvarez, El tumbo de san Julián de Samos: siglos VIII-XII, 1986, p 96), “Petrus Froile” (doc ano 1109 en Pilar Loscertales de C. de Valdeavellano, Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes I, 1976, p 184). Un exemplo actual é Pedre; b) Unha perífrase que contén os elementos proles ou filius máis o nome do pai: “Ueremudus prolis Ordonius rex” (doc ano 981, en Manuel Lucas Álvarez El tumbo de san Julián de Samos: siglos VIII-XII, 1986, p 113), “Menendus filius de Miro” (doc ano 949 en Pilar Loscertales de C. de Valdeavellano, Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes I, 1976, p 55); c) Un sufixo patronímico (hoxe -ez, -is en galego, -es en portugués e -ez en español) engadido ao nome do pai: “Maria Fernandici” (doc ano 1176 en Pilar Loscertales de C. de Valdeavellano, Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes II, 1976, p 100), “Gudesteus Ordoniz” (doc ano 904 en Manuel Lucas Álvarez, El tumbo de san Julián de Samos: siglos VIII-XII, 1986, p 442). Continuadores actuais son, por exemplo: González, Rodríguez, Martínez-Martís-Martíns, Pérez, Vázquez ou López; 2) Un gran número de apelidos proceden de topónimos, é dicir indicaron na súa orixe o lugar onde vivían ou a localidade ou país de onde eran naturais os individuos aos que se lles aplicaban. Mostras de continuadores actuais son: Daponte, Santiago, Abaña, Aira e Acea; 3) A adxunción ao primeiro nome dun sobrenome: Tota Roderici dita abbatissa” (doc ano 1171 en Pilar Loscertales de C. de Valdeavellano, Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes II, 1976, p 111), “Froila Roderici ditus Ianerru et meus germanus Petrus Roderici ditus Feuereiru (doc sen data en Pilar Loscertales de C. de Valdeavellano, Tumbo del monasterio de Sobrado de los Monjes I, 1976, p 330). Exemplos actuais son: Blanco, Zapateiro, Conde, Longo ou Crespo.

Palabras veciñas

Apeles | apelicar | apelidar | apelido | apella | apeñar | apéndice