apendicite

apendicite

(< apéndice + -ite)

s f [PAT]

Inflamación aguda da mucosa e do sistema linfático do apéndice vermiforme, causada por unha infección bacteriana. Adoita comportar unha contracción localizada dos músculos da parede abdominal e, en casos de perforación, peritonite. A presión manual e a descomprensión sobre a zona apendicular, provocan unha dor forte (hiperestesia localizada). O cadro clínico (dor abdominal, náuseas, vómitos, febre) acostuma ser bastante típico no adulto; non é así nos nenos, onde é frecuente a confusión con outras afeccións, e nos vellos, nos que segue unha evolución, ás veces, sen síntomas abdominais denominada apendicite fría. A chamada erroneamente apendicite crónica non é outra cousa que recidivas, é dicir, ataques de apendicite liviáns e repetidos. O tratamento consiste na extirpación cirúrxica do apéndice (apendicectomía).