Apeninos

Apeninos

Cordilleira produto do dobramento alpino que atravesa Italia de NO a SL e en forma de columna vertebral. Enlaza ao N cos Alpes Marítimos e ao S coa cadea do Atlas, mediando o arco siciliano (1.500 km de lonxitude e 150 km de anchura máxima). Os Apeninos están constituídos sobre todo por rochas sedimentarias do Triásico, do Xurásico, do Cretácico, do Eoceno e do Mioceno, igual ca as áreas externas dos Alpes. Presentan actividade volcánica (os volcáns Strómboli e Vulcano, nas illas Eolias; Vesubio en Nápoles) e sísmica. Polo N os Apeninos esténdense pola Liguria e forman os Alpes Ligures; os Apeninos Centrais teñen o pico máis alto de Italia, o Gran Sasso (2.914 m); nos Apeninos Meridionais cabe destacar os Monti del Matese e o Monte-Miletto (2.050 m). Non ten xacementos minerais importantes, pero si un considerable número de fontes termais e frías.