apógrafo
(< lat apogrăphu < gr ἀπόγραϕος‘transcrito’)
Manuscrito dunha obra, non autógrafo, copiado doutro que pode ser ou non o orixinal do autor. Ao modelo sobre o que se fai a copia ou aprógrafo chámase antígrafo. Entre o antígrafo ou orixinal e o apógrafo ou copia non acostuma haber outros textos intermediarios coñecidos, aínda que o apógrafo pode estar “contaminado” por outras copias que manexa o escribán cando está a realizar o seu exemplar; é dicir, pode ter diante outra ou outras copias, ademais do orixinal, das que pode intercalar lecturas diverxentes. En ocasións, o apógrafo pode estar mellor coidado co seu antígrafo, por exemplo cando este último desaparece ou sofre mutilacións ou desperfectos despois de ser copiado; neste caso o apógrafo convértese na mellor fonte de lectura correcta dunha obra. En xeral, este é o caso da maioría da tradición manuscrita románica medieval, na que é escasísimo o número de exemplares orixinais do propio autor conservados. No que atinxe á lírica galego-portuguesa, a totalidade do seu corpus coñecido veu transmitido precisamente grazas a dous apógrafos, que se remontan a un mesmo modelo; ambos os dous feitos en Italia no século XVI, baixo a dirección do humanista Angelo Colocci. Un destes apógrafos consérvase na Biblioteca Nacional de Lisboa coa cota cód. 10991, coñecido como Cancioneiro da Biblioteca Nacional ou Cancioneiro Colocci-Brancuti (B) e, o outro, na Biblioteca Vaticana de Roma coa cota Vat. Lat. 4803, coñecido como Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V). Deste último fíxose outra copia exacta -xa que logo, descartable- coñecida co nome de Cancioneiro da Bancroft Library.