Apolo
Fillo de Zeus e de Latona, irmán xemelgo de Artemisa, naceu na illa de Delos, que lle foi consagrada. Segundo tradicións primitivas, co alcume Febos (‘brillante’) foi deus do Sol. Considerado deus do ben e do bo, era mantedor da lei e da xustiza; así mesmo deus da medicina, foi pai de Asklepios (o Esculapio romano), deus da música, da poesía e condutor das musas. Tivo advocacións con nomes concretos: Esminteo (exterminador de ratas), Pitio (exterminador de serpes), Peano (sanador de enfermos). O seu principal centro de culto estaba en Delfos, onde se atopaba o seu máis nomeado santuario e o famoso oráculo. Dende Italia, o seu culto estendeuse por todo o mundo romano. Plasticamente foi representado como un home novo e fermoso, adoito coroado con loureiro, e a miúdo levando un arco na man (xa na Ilíada aparece co alcume Frechador). Entre as esculturas, poden citarse o chamado Apolo do Belvedere, estatua grega atribuída a Leócrates (s VI a C) e o Apolo de Veies, terracota etrusca (ss VI-V a C). A partir do Renacemento, co interese xurdido pola Antigüidade grecolatina, volveu ser tratado por artistas como Rafael (s XVI), Velázquez, Ribera, Bernini, Albani, Luca Giordano (s XVII); o revaloramento do personaxe chegou a que na Francia de Luís XIV fose tomado como alusión simbólica ao Rei Sol. Tamén artistas dos ss XIX e XX, como Rodin e Bourdelle, quixeron interpretalo.