Aquitania
Rexión administrativa de Francia que comprende os actuais departamentos de Dordogne, Gironde, Landes, Lot-et-Garonne e os Pireneos Atlánticos (41.308 km2; 2.866.600 h [1995]). A capital é Bordeos.
Xeografía
Situada entre o Macizo Central, ao N, os Pireneos, ao S, e o Océano Atlántico ao O, aséntase sobre unha litoloxía calcaria de época basicamente cretácica, a conca de Aquitania. A sinxeleza da súa rede hidrográfica, dominada polo Adour, ao S, e o Garona e os seus afluentes (Tarn, Lot e Dordogne), presenta unha grande homoxenidade que contribúe á identificación da rexión. Aquitania é unha rexión de abundantes recursos agrícolas, favorecida polo seu clima húmido (sobre todo na área litoral) e frío en inverno, e a natureza dos terreos. As Landas atlánticas posúen os bosques máis extensos de Francia. O cultivo de millo está destinado a un vasto comercio de exportación. Os viños de Bordeos ocupan o segundo lugar en importancia en Francia e as viñas de Armagnac e Cognac producen tamén augardentes de reputación mundial. Afastada durante moito tempo dos grandes eixes de comunicación modernos, a rexión atópase aínda subindustrializada, as explotacións petrolíferas e de gas natural (explotacións de Lacq) foron descubertas recentemente.
Historia
Antes da conquista romana, realizada por Xulio César, estaba habitada polos aquitanos. Augusto ampliouna cos territorios comprendidos entre o Garona e o Loira (27 a C), que configuraban unha única provincia que a finais do século III d C foi dividida en Aquitania Prima, con capital en Bourges, Aquitania Secunda, con capital en Bordeos, e Aquitania Tertia Novempopulania, a Aquitania primoxénita. Os visigodos ocuparon a Aquitania Secunda en virtude do tratado de federación (foedus) que Valia concertou co Emperador Honorio no 418. O reino visigodo de Toulouse perdurou ata o ano 507, cando Alarico II foi derrotado en Vouillé, e deu paso ao intermedio ostrogodo, que rematou cando Leovixildo a recuperou no 573 para o reino visigodo de Toledo. Durante os ss VII e VIII foi gobernado polos duques autóctonos; sen embargo, debido á ameaza sarracena, os aquitanos pediron axuda a Carlomagno, quen fundou o Reino de Aquitania (781) baixo o goberno do seu fillo Luís o Piadoso. Comezou, entón, a conquista dos territorios situados ao sur. Daquela, os territorios pirenaicos, chamados “distritos da marca” ou “da fronteira”, pasaron a depender do Reino de Aquitania. No ano 817, cando se efectuou a división do Imperio Carolinxio, a Septimania foi separada do ducado de Toulouse, baixo a autoridade militar dun gobernador fronteirizo, e as terras do litoral mediterráneo pasaron a ser unha prolongación da marca da Septimania, mentres que Urgell, Cerdaña, Pallars e Ribagorza continuaron dependendo de Toulouse. Polo Tratado de Verdún (843) Aquitania, xunto con outros territorios, pasou a Carlos o Calvo, quen no ano 855 a recoñeceu como entidade autónoma. A finais do s IX converteuse nun ducado vasalo da coroa francesa. Aínda que o ducado non volvería desaparecer, foi pasando sucesivamente por mans dos condes de Auvernia, de Toulouse e de Bordeos. Á morte de Guillerme X (1137), pasou á súa filla Leonor e, debido ao seu matrimonio con Luís VII de Francia, á Coroa francesa. En 1152, ao casar Leonor con Enrique II, abriuse un novo conflito: os intereses ingleses, derivados do comercio gascón, fronte á política expansionista dos reis francos. Así mesmo, a posición de Enrique II era anómala: como Rei de Inglaterra (1154-1189) era soberano por dereito de conquista, como duque de Aquitania (1152-1189) era vasalo feudal do Rei de Francia. Estes feitos foron, entre outros, a causa da Guerra dos Cen Anos. No ano 1472, Aquitania, co nome deformado de Guiena pasou a ser unha das áreas administrativas da Coroa de Francia.