1 ara
(
-
s
f
[ARQUIT/RELIX]
No culto católico, pedra consagrada no centro do altar que contén reliquias, polo xeral de mártires ou santos, sobre a que o sacerdote celebra a misa e a eucaristía cando o altar non está consagrado.
-
s
f
[ARQUEOL]
Pedra consagrada na que se fan ou depositan ofrendas ás divindades, nalgunhas culturas en forma de sacrificio de seres vivos. Xeralmente é de dimensións reducidas e está inserida nunha construción maior; sen embargo, en ocasións chegan a ter entidade de edificación autónoma. No antigo Exipto podían ser cadradas, poligonais, cilíndricas ou troncocónicas. En Asia Menor adoitaban consistir nunha mesa cun ou catro pés. En Grecia eran de pedra ou arxila. A ara romana estaba formada por tres corpos: o superior ou cornixa, saínte e cun ou varios focus ou foculus, oco destinado a gardar as ofrendas; o central, un pouco máis retraído e de maior altura que albergaba o texto epigráfico; e o inferior que facía de basa. As aras estaban destinadas ao culto do emperador e dos deuses, salientando as dedicadas a Xúpiter baixo diferentes advocacións. As aras atopadas na Gallaecia seguen o modelo tradicional da ara clásica romana; o conxunto máis amplo de aras procede do castro de Donón (Cangas do Morrazo). Atendendo ao remate da cornixa, Rodríguez Colmenero clasificou en catro grupos as aras galaicas: de cornixa plana, como a ara a Xúpiter dedicada por Valerius Reburrus en Aquae Flaviae (Chaves); de cornixa plana con acroteras, como a ara ás Ninfas dedicada por Calpurnia Abanela; de frontón triangular sen acroteras, caso da dedicada a Augusto en Lucus (Lugo); de frontón triangular con acroteras, tendo un exemplo na de Xúpiter Óptimo Máximo en Aquae Flaviae (Chaves).