Araba
Territorio de Euskal Herria que constitúe unha provincia administrativa española integrada na Comunidad Autónoma Vasca (3.047 km2; 281.821 h [1996]). A súa capital é Gasteiz (Vitoria), sede tamén do goberno vasco. Un terzo do territorio é montañoso, mentres que a parte central e oriental constitúen unha gran chaira. Ao N, as serras Salvada, Peña de Gorbea, Elguea e Aizgorri fan de divisoria de augas entre a vertente cantábrica e a ibérica. A conca de Gasteiz, regada polo río Zadorra, ocupa o centro da rexión. Máis ao S atópase o condado de Treviño, municipio que constitúe un enclave integrado na provincia de Burgos (Castela e León). As serras do S, Cantabria, Toloña e Codes, son de formación xurásica. O clima é oceánico (800 mm de precipitación, 12°C de temperatura media anual). Durante 100 km, o Ebro fai de límite coa provincia de Burgos. Cultívanse cereais con poula e viña, patacas e árbores froiteiras. Gandería porcina. Industria agrícola (viño), de maquinaria agrícola e de automóbiles (Gasteiz), química (Salvedo), metalúrxica e de vidro (Llodio). Outras poboacións importantes son Agurain (Salvatierra) e Biasteri (Laguardia). No s IX, en tempos de Afonso III, o condado de Araba correspondíase coa parte oriental dos reinos ástur e leonés. Posteriormente, os condes de Araba e os de Castela uníronse a miúdo para combater na comarca castelá de La Bureba ou defender a fronteira do País Vasco. Cando Sancho III o Maior unificou Euskal Herria, Araba pasou a Navarra. Sancho VI o Sabio fundou Gasteiz, Agurain e Treviño. Afonso VIII de Castela conquistou Gasteiz e Agurain (1200). Durante o s XIII e parte do XIV, Araba e Vitoria combateron entre elas constantemente, ata que no 1332 a Confraría de Arriaga nomeou como señor seu a Afonso XI de Castela, que se comprometeu a respectar e defender os foros e outras liberdades alavesas, continuando co réxime interno demócrata, baseado na antiga organización xentilicia, e conservando o éuscaro, sobre todo no medio rural. No s XIX os alaveses loitaron no bando carlista para manter o seu réxime foral contra a administración provincial, que ameazaba non só con suprimir os foros, senón con diluír o territorio en unidades territoriais maiores. Finalmente lograron o seu propósito coa conversión do territorio en provincia única, baixo goberno dunha deputación foral con amplas atribucións, como as de facenda e forzas de orde pública propias. Este réxime foral sufriu diversos avatares, con supresións durante as Guerras Carlistas (1839) e a Restauración Borbónica (1876), sendo respectado trala Guerra Civil española (1936-1939) mercé á incorporación dos requetés (Comunión Tradicionalista, de ideoloxía carlista) ás forzas dos sublevados contra o réxime da Segunda República (integrándose na Falange Española Tradicionalista y de las JONS), triunfadores no conflito. A Constitución española do 1978, en virtude da súa disposición adicional primeira, e mais o Estatuto de Autonomía de Euskadi, consolidaron as institucións forais do territorio.