Arabia

Arabia

Península do extremo sudoccidental de Asia, situada entre o Mar Vermello e o Golfo Pérsico (3.000.000 km2). Administrativamente, a Península de Arabia divídese entre Arabia Saudí, Bahrain, os Emiratos Árabes Unidos, Iemen, Kuwait, Omán e Qatar.
Xeografía física

Xeomorfoloxía e relevo
A estrutura xeomorfolóxica da Península de Arabia é relativamente simple: na base atópase un zócolo cristalino basculado cara ao nordeste, que aflora á superficie nos sectores meridional e occidental e, afundíndose suavemente cara ao Golfo Pérsico, vai cubríndose gradualmente de sedimentos cada vez máis recentes. A simplicidade estrutural da Península contrasta coa variedade das formas do relevo. Arabia pode ser dividida nas unidades morfolóxicas seguintes: sectores montañosos occidental e meridional, Na ǧ d, áreas de desertos de area, deserto siríaco, terras baixas do Golfo Pérsico e montañas de Omán. Os sectores montañosos do oeste e do sur da Península forman unha marxe discontinua de macizos montañosos e altiplano, de altitudes moi variadas, cortada bruscamente na costa por un conxunto de fracturas paralelas ás fosas do Mar Vermello e do Golfo de Adén. O Na ǧ d, ao L dos macizos montañosos da costa do Mar Vermello, é unha vasta extensión de materiais cristalinos (granitos, gneis) que forman un conxunto de altiplanos; un sistema de fracturas permitiu que nesta zona se desenvolvese actividade volcánica desde o Terciario. No centro de Arabia atópanse os dous grandes desertos de area: Al-Nafūd, ao N (duns 50.000 km2), e o Rab’al-Hālī (o deserto máis extenso do mundo, duns 300.000 km2) ao S. O deserto siríaco esténdese ao norte e ao nordeste de Al-Nafūd; está formado principalmente por materiais aluviais e sedimentarios. As terras baixas do Golfo Pérsico constitúen un conxunto de amplas planicies costeiras areosas, que se estenden dende Kuwait ata a Península de Musandam (Omán), interrompidas de cando en vez por pequenos relevos abruptos, onde son frecuentes os pantanos, albufeiras e salinas. As montañas de Omán forman un arco de relevos calcarios e volcánicos que bordea a costa do Golfo de Omán, desde o pé de Musandam ata Ra’s al-Hadd. As rexións naturais poden agruparse en catro: a Arabia interior desértica, de escasa poboación agrupada nos oasis e os uadis, que abrangue o deserto de Siria, o Gran Al-Nafūd, o Na ǧ d, O Pequeno Al-Nafūd e Al-Dahnā’; o litoral do Mar Vermello con Al- Ḥ i ǧ āz, Tihāma e Iemen, país pobre agás ás beiras dos uadis, no que a vida se concentra na Meca e Medina, centros de peregrinación islámica; a costa meridional ou Arabia feliz que, situada na área dos monzóns, ten chuvias abundantes e destaca pola prosperidade das poboacións agrícolas, e a costa oriental, que comprende Al-’Ahsā e Kuwait.
Clima, hidrografía e vexetación
O clima, tropical desértico, caracterízase pola intensa calor no verán e as fortes oscilacións térmicas. A temperatura media anual é de 32° C e as máximas poden chegar aos 50° C á sombra. As chuvias son escasas e irregulares. Non hai ríos permanentes e a auga das precipitacións concéntrase nos uadis. Os solos son pobres en substancias orgánicas e presentan unha salinidade elevada. A vexetación natural, sumamente pobre, redúcese a xerófitos. A árbore máis característica é a palmeira de dátiles e tamén algúns tamariscos, acacias e mimosas.
Xeografía humana e económica

Xeografía humana
O elemento étnico máis coñecido da Península arábiga son os nómadas ou beduínos, pastores que se desprazan continuamente e viven en tendas de peles. Alén da poboación urbana occidentalizada, tradicionalmente eran sedentarios os comerciantes, artesáns e agricultores, que viven principalmente nas cidades. O conxunto da poboación deste territorio fala árabe e non existen minorías lingüísticas recoñecidas, alén das propias da poboación emigrante procedente de países asiáticos non árabes (iranianos, hindús, coreanos, filipinos, etc), que forma minorías importantes en países como Arabia Saudí (5 millóns) ou nos Emiratos Árabes Unidos (2,4 millóns). O factor que introduce maior diversidade no seo desta poboación tan homoxénea é ante todo o confesional. O islam sunita é o máis estendido en Arabia Saudí (95,5%), Emiratos Árabes Unidos (80%) e en Omán (75%); ademais, ten unha presenza importante en Kuwait e Bahrain. Os xiítas teñen unha importancia crecente en Kuwait, Emiratos Árabes Unidos e Arabia Saudí e son maioritarios en Bahrain (57,3%). Os zaiditas son maioritarios no Iemen, onde son minoría os ismaelitas, xurdidos dunha escisión do Xiísmo. O Hinduísmo é practicado polo 13% da poboación de Omán e o Cristianismo apenas ten importancia, tan só aparece significativamente representado en Bahrain (8,5%) e nos Emiratos Árabes Unidos (3,8%). O maior peso demográfico corresponde a Arabia Saudí, seguida por Iemen, Omán, Emiratos Árabes Unidos e Kuwait. A densidade de poboación é de 8 h/km2. O índice de crecemento da poboación no período 1995-2000 é alto, supón o 4,2% en Omán, 3,7% en Iemen, 3,4% en Arabia Saudí, 3,0% en Kuwait e moderado en Emiratos Árabes Unidos (2,0%). Outro factor demográfico salientable é a descompensación entre a poboación menor de 15 anos e a maior de 65: Arabia Saudí (40,7% fronte a 2,9%), Kuwait (33,2%-2,0%), Iemen (48,3%-2,4%), Omán (47,7%-2,3%) e Emiratos Árabes Unidos (28,1%-2,5%). Así mesmo, agás no Iemen, onde a poboación urbana é o 33,6% do total, falamos dunha poboación altamente urbanizada, superando o 80% do total en Arabia Saudí, Kuwait, Emiratos Árabes Unidos, Qatar e Bahrain. A maioría dos núcleos urbanos sitúanse na periferia: Jidda, Mascate, Abu Zabi ou Kuwait, concentrándose neles a maioría da poboación; sen embargo, as maiores aglomeracións urbanas (Al-Riyad e San’a) atópanse lonxe do litoral. O interior está practicamente deserto.
Xeografía económica
A economía desta rexión céntrase en torno á explotación do principal recurso natural: o petróleo, que influíu en gran medida no cambio económico dos estados da Península; sen embargo, mantense a produción agraria, en tanto que a gandeira está en declive. A agricultura limítase case exclusivamente aos oasis (cereais ou dátiles), pero na actualidade, estase a investir en novos sistemas de irrigación que permitan ampliar as áreas de cultivo. Arabia Saudí, Bahrain, os Emiratos Árabes Unidos, Kuwait, Qatar e Omán, teñen unha relevancia xeopolítica que non garda relación coa poboación nin coa política interna, senón que lles vén dada pola posesión de petróleo. En 1997 Arabia Saudí posuía o 26% das reservas mundiais coñecidas de petróleo e extraía 433 millóns de toneladas, feito que lle facía ocupar o primeiro posto mundial en produción; así mesmo, en Kuwait e nos Emiratos Árabes Unidos, que posúen o 20% das reservas mundiais, a importancia económica do petróleo é salientable.
A historia
A Península Arábiga representaba un núcleo de expansión de poboacións nómadas que, periodicamente, dependendo das secas e dos períodos de fame, invadían as terras cultivadas sedentarizándose en certa medida. Posteriormente, trocouse nun círculo defensivo das grandes culturas orientais contra as ondas invasoras. Pódense distinguir dúas áreas: a sur-arábiga ou Arabia Feliz, e a marxe setentrional do deserto, nas actuais Transxordania e Siria. Na parte norte da Península Arábiga atopábanse dous grandes reinos que dominarían sucesivamente o país: en primeiro lugar, o Nabateo, con capital en Petra, na marxe oriental do uadi Mūsā, que acadou a súa máxima expansión baixo o mandato de Aretes III, a mediados do s I a C, dominando polo norte ata Damasco, e non desaparecendo ata a anexión romana do 106 d C, baixo o imperium de Traxano. O afundimento de Petra e Nabatea proporcionou unha gran posibilidade de expansión a Palmira, outra cidade caravaneira do deserto, na ruta de Damasco ao Éufrates. No s III, aproveitando a debilidade do Imperio Romano, acadou a súa independencia de Roma e Persia, se ben foi novamente conquistada polo Emperador romano Aureliano. Ao sur atópanse, desde o I milenio a C, os reinos dos sabeos e dos mineos de Qatabān e de Ḥ a ḋ ramawt, o máis coñecido deles é o primeiro, con capital en Mā’rib. A partir do s I a C absorberon os outros reinos, primeiro Qatabān e despois Ḥ a ḋ ramawt (s II d C). O momento de decadencia dos sabeos permitiu que ao norte da zona apareceran unha serie de cidades caravaneiras e comerciais gobernadas por pequenas oligarquías mercantís: Iatrib, A Meca e Al- Ṭ ā’if, que experimentaron unha expansión, aproveitada por Mahoma no momento de principiar a difundir o Islam. A predicación relixiosa de Mahoma, nacido na Meca no ano 570, modificou rapidamente a estrutura política e social da Arabia: o Islam suprimiu as antigas rivalidades tribais igualando a todos os seus fieis baixo un mesmo credo, sen discriminación ningunha pola súa liñaxe. Co establecemento (622) da comunidade musulmá en Iatrib, chamada desde entón Medina ou Cidade do Profeta, constituíuse o primeiro estado islámico, que estendeu o seu poder por toda Arabia. O primeiro Califa foi Abū Bark (632-634) e ‘Umar I (634-644) que deron un gran pulo á expansión ultrapeninsular: en dez anos, o Imperio abrangueu Palestina, Siria (634-636), Mesopotamia (635-637) e o Exipto (640-642). A ‘Umar atribúeselle a organización administrativa do novo estado, enriquecido decontado polos numerosos botíns que proporcionaban os pobos vencidos e, sobre todo, polo tributo anual que pagaban os non musulmáns. ‘Utmān (644-656) chegou ata Armenia, facendo diversas expedicións dende Exipto cara ao Magreb e a Nubia, e entrando en contacto cos turcos en Asia Central. O traslado da capital de Medina a Al-Kūfa por parte de Alí (656-661) deu inicio á decadencia política de Arabia, que se fai máis patente ao establecer a nova capital en Bagdad durante o califato abbásida, que reactivou a economía do Golfo Pérsico ao facer de Basora o porto da nova capital. A decadencia abbásida durante a segunda metade do s IX fixo xurdir unha serie de pequenos estados independentes na Arabia meridional (en 885 Ya ḥ yā al-Rašīd fundou a dinastía zaidita dos rassidas) e oriental (en 749 os omanís, seguindo unha práctica ibadita, elixiron a un imán), mentres que a zona central volvía á anarquía tribal dos tempos preislámicos, situación que perduraría sen grandes trocos durante máis de seis séculos. Os portugueses estableceron factorías no litoral da Arabia Feliz no s XVI: Mascate (1506-1650) e Adén (1516-1538). Dende o s XVI, os turcos tentaron dominar o Iemen e o Al- Ḥ i ǧ āz; o Iemen conseguiu novamente a independencia a partir do 1628, se ben durante o s XIX os otomanos volveron ocupar o país. Así mesmo, durante os ss XVII e XVIII o sultanato omaní dominou a rexión do Golfo Pérsico e, entre 1750 e 1800, Mascate foi o centro dun vasto imperio marítimo que se espallou polo continente asiático e africano. Foi tamén durante esa época cando Mu ḥ ammad Ibn Sa’ūd, señor de Dariya de 1735 a 1766, asinou unha alianza co reformador relixioso Mu ḥ ammad ibn al-Wahhab e estableceu un estado en Na ǧ d. O seu fillo e sucesor ‘Abd al-’Azīz I (1765-1803) exerceu presión cara ao Golfo Pérsico e Iraq, conquistando A Meca (1803), o que provocou a intervención exipcia e en 1818, coa caída da Dariya, desapareceu o primeiro reino saudita. Logo dun período de decadencia, que se prolongou ata finais do s XIX -cando Dariya foi conquistada polos Ibn Rašīd (1891)-, o Estado Saudita foi renovado por ‘Abd al-’Azīz III Ibn Sa’ūd (1902-1953), quen se apoderou de Riad e restableceu a soberanía da casa Sa’ūd sobre o Na ǧ d. Así mesmo, a Península Arábiga comezou a ser obxectivo dos intereses occidentais a partir da apertura do Canal de Suez (1869); neste sentido téñense que interpretar as adhesións políticas que os diferentes estados manifestaron durante a Primeira Guerra Mundial. O dominio da Arabia interior exerceuno o Emir de Hā’il; o Imán Ya ḥ yā do Iemen mantivo a súa alianza cos turcos; o Gran Xerife da Meca, Ḥ usayn, decantábase polos británicos: o seu fillo Fay ṣ āl, futuro Rei de Iraq, acompañou no 1917 ao arqueólogo e coronel do exército británico D. H. Lawrence de Arabia con tropas árabes para reforzar a ofensiva do xeneral Allemby na Transxordania. Ao final da Gran Guerra, os antigos territorios turcos de Siria e do Líbano foron sometidos ao mando francés, e os da Palestina, a Transxordania e o Iraq ao británico; nestes dous últimos territorios, a Gran Bretaña instaurou como reis (1921) a dous fillos de Husāyn de ‘Al- Ḥ i ǧ āz: Abdullah e Fay ṣ āl, respectivamente. Na Arabia propiamente dita, ‘Abd al-’Azīz III apoderouse do Emirato de Hā’il, conquistou a Ḥ usayn A Meca (1924) e Medina (1925), e cambiou o nome do reino polo de Arabia Saudí (1932). Aínda que as grandes diferencias internas mantéñense ata a actualidade, entre as dúas guerras mundiais, especialmente dende 1930, fai a súa aparición un factor de desenvolvemento económico e político de primeira orde: a extracción de petróleo. Nun territorio desértico aparecen en poucos anos estados moi ricos, como a Arabia Saudí e Kuwait. Esta nova riqueza pasou, debido á estrutura feudal que artellaba o tecido social, a mans das poucas familias dominantes. Posteriormente numerosos estados liberáronse da influencia británica: República Árabe do Iemen (1962) e República Democrática Popular do Iemen (1967), logo unidas na República do Iemen (1990), Omán (1970), Qatar (1971), Bahrain (1971) e os Emiratos Árabes Unidos (1971). Despois da apertura económica das últimas décadas do século XX, que modificou os equilibrios sociais, non houbo modificacións significativas nas estruturas políticas. A censura estase a reforzar, as eleccións están deseñadas a medida, as garantías xudiciais non sempre son respectadas, os sindicatos e as asociacións están baixo estricto control do poder, etc. Neste sentido, estanse a crear frustracións nacidas da ausencia de alternancia política, das desigualdades das oportunidades sociais e culturais e dun empobrecemento das clases afectadas polo liberalismo económico. Así mesmo, nos cálculos estratéxicos rexionais, o control da auga, do petróleo e do gas desempeñan un papel determinante, como demostrou a Guerra do Golfo (1990-1991).