arácnido -da

arácnido -da

(< gr ἀράχνη ‘araña’)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos artrópodos pertencentes á clase dos arácnidos.

  2. s m sing [ANIMAL]

    Artrópodo da clase dos arácnidos.

  3. s m pl [ANIMAL]

    Clase de artrópodos pertencente ao subfilo dos quelicerados que está representado, na actualidade, por máis de 70.000 especies coñecidas. Constitúen o grupo de artrópodos, pioneiro na conquista da vida no medio terrestre, e na actualidade están ben representados en ambientes cálidos e mesmo áridos. Coñécense fósiles de escorpións dende o Silúrico. Os arácnidos presentan o corpo dividido en dúas rexións (agás os ácaros que non presentan división): unha anterior, chamada prosoma ou cefalotórax; e unha posterior, denominada opistosoma ou abdome. No prosoma insírense os apéndices entre os que non figuran as antenas e as ás. O primeiro par de apéndices son os quelíceros; pezas bucais de función mastigadora e moitas veces sutora coas que zugan as presas (principalmente insectos), parcialmente licuadas pola acción enzimática do veleno. O segundo par de apéndices son os pedipalpos; órganos prénsiles que lles serven para manipular o alimento. O resto de apéndices está constituído por catro pares de patas, o que os distingue claramente da clase dos insectos que portan tres pares. O apostoma non ten apéndices ou estes están moi transformados. Todo o animal ten unha cutícula quitinosa externa e o corpo cuberto de sedas sensoriais; estas constitúen a principal fonte de información porque son sobre todo nocturnos e a función dos ollos é secundaria, agás en arañas que cazan sen arañeira. Os ollos son sinxelos e están dispostos na parte anterior do prosoma en número variable dependendo dos grupos. Os arácnidos teñen dous tipos de glándulas características e fundamentais para a depredación, as de veleno e as de seda. As glándulas produtoras de veleno sitúanse nos quelíceros das arañas, no extremo do abdome dos escorpións e nos pedipalpos dos pseudoescorpións. As glándulas da seda poden ter tamén distinta disposición nos distintos grupos: nas fileiras presentes no abdome das arañas, na rexión bucal dos ácaros e nos quelíceros dos pseudoescorpións. Son normais entre os arácnidos os cortexos sexuais e o coidado dos ovos e das crías que nacen deles. Chegan a adultos mediante mudas, que lles permiten medrar periodicamente sen presentar verdadeira metamorfose. Pertencen a esta clase once ordes; sete presentes na Península Ibérica (ácaros, arañas, amblipixios, escorpións, opalións, palpígrados e pseudoescorpións) e catro de distribución tropical (esquizómidos, ricinúlidos, solífugos e uropixios).

Palabras veciñas

Aracillum, Batalla de | Aracne | aracnidismo | arácnido -da | aracnodactilia | aracnoide | aracnoidite