arado

arado

(< lat ărātru)

s m [ETN]

Instrumento agrícola que vai abrindo sucos na terra, labrándoa e preparándoa para sementar, ao mesmo tempo que vai quitando as malas herbas. O seu emprego remóntase ao Neolítico e coa romanización aumentou o seu uso por mor do desenvolvemento do cultivo do chan; dende entón sufriu moi poucos cambios. Cómpre facer unha pequena diferenciación entre o arado tradicional, de pao, chamado arado romano, e o de ferro, que tendeu a substituír o anterior por ser moito máis perfeccionado, acadando máis profundidade, volteando mellor a terra e ofrecendo así mesmo máis facilidade de manexo. Está formado polas seguintes partes: rabiza, rostro, abeacas, meixelo, rella de ferro, timón, chavella, teiroa e seita, amais doutras que son simples variantes empregadas nas distintas comarcas galegas. Na tradición recóllense refráns como: “O arado, rabudo; o labrador, barbudo”.

Frases feitas

  • Parecer un arado a labrar. Dise de quen arrastra os pés ao andar.

  • Ser bruto coma un arado/máis bruto ca un arado. Ser moi bruto.

  • Ser coma un arado (de ferro). Ser bruto.

  • Ser dereito coma a rabela dun arado. Ser persoa honesta e xuizosa.

  • Xordo coma un arado. Completamente xordo.

Refráns

  • O arado, rabudo; o labrador, barbudo.

Palabras veciñas

Arad | arada | Arada | arado | aradoiro | arador -ra | aradura