Arago, caune de l’
A gruta do Arago (Taltaüll), de 35 m de longo e 10 de ancho, situada no monte Verdouble sobre a chaira do Rosellón, contén unha importante secuencia estratigráfica datable na segunda metade do Pleistoceno medio (450.000 a C). Dende 1964 forneceu de abundantes materiais arqueolóxicos, salientando os restos faunísticos, diferenciados segundo o nivel da cova de que se trate, en total catro, reflexo das oscilacións climáticas. Dos doce solos recoñecidos nos diferentes niveis da gruta procede máis de medio centenar de restos humanos, na súa maior parte dentes illados, dúas mandíbulas, un cranio e un extremo facial, pertencentes a unha forma serodia do Homo erectus. A industria lítica elaborouse sobre materias primas procedentes dos arredores (sobre todo cuarzo e calcaria); os bifaces, aínda sendo moi raros, están presentes en todos os solos da gruta, do mesmo xeito ca os seixos traballados e os útiles sobre lasca, notablemente máis abundantes. Da interpretación feita por Lumley deste xacemento, despréndese que os seus formadores foron hábiles cazadores, capaces de abater animais de difícil caza e perigosos (pantera, león, oso, rinoceronte, muflón, rebezo, cabra) polo que debían precisar dunha medida organización das cacerías, o que implicaría o artellamento de grupos ben estruturados cunha organización social evolucionada.