Araguas Álvarez, Vicente

Araguas Álvarez, Vicente

Profesor, crítico literario, articulista e tradutor. Licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do equipo da revista Ler e leva a sección de poesía do suplemento literario do xornal O Correo Galego. Dentro da actividade musical, sobrancea como cofundador do grupo de canción belixerante Voces Ceibes co que chegou a gravar diversos discos. Como poeta publicou Paisaxe de Glasgow (1978), Ás veces en domingo abonda coa tenrura (1980), Poemas pra Ana Andrea (1982), Xuvia (1983), Caleidoscopio (1988), Oficio de ollar (1992), Camo Santo (1994), O gato branco (1995), Novos poemas para Ana Andrea (1991) e Billarda (1999); e como novelista, Agora xa foi (2000). A súa obra está presente nas antoloxías Escolma da poesía galega (1984), Poesía gallega de hoy (1990) e Fin de un milenio (1991). Como tradutor verteu ao galego as novelas de Robert Louis Stevenson, As aventuras de David Balfour (1986) e a de James Joyce, Retrato do artista cando novo (1994); tamén traduciu o libro de poemas de Seamus Heaney, Traballo de campo (1996). Traduciu ao español o volume Antología poética (1994) de Celso Emilio Ferreiro e Galván en Saor (1996) de Darío Xohán Cabana. É autor, ademais, do ensaio Voces Ceibes, e das edicións críticas dos libros de Xose Luís Franco Grande, Entre o si e o non (1993) e Xosé Luís Méndez Ferrín, O fin dun canto (1995). A súa aproximación ao teatro produciuse coa estrea e publicación de tres pezas en castelán, El lenguaje de las algas (1992), No hagan olas (1993) e Las luces del puerto (1994).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Xuvia, Narón