Aral, mar de

Aral, mar de

Mar interior situado no límite entre Kazakhstán e Uzbequistán. Cunha superficie duns 41.000 km2 é o sexto lago máis extenso do mundo. A súa profundidade é escasa: acada os 68 m nunha depresión situada ao longo da costa occidental. Está alimentado por dous grandes ríos de Asia central, o Syrdarja e o Amudarja. Formouse hai 10.000-8.000 anos, ao separarse do Caspio, co que estaba unido hai 3 millóns de anos. O seu litoral foi sempre moi dinámico, en relación cos cambios climáticos que determinan os niveis do mar e as precipitacións. Na segunda metade do s XX a acción do home modificou gravemente a dinámica do mar, converténdoo nun paradigma de desastre ecolóxico. Os proxectos de regadío a grande escala implementados polos gobernos soviéticos nas concas dos seus ríos tributarios, deron lugar a un vertixinoso proceso de desecación que reduciu a superficie do lago de 65.000 km2 en 1960 a 41.000 km2 en 1999. Ademais, as explotacións mineiras sen unha xestión axeitada dos residuos contaminaron o leito do mar de Aral, que ao quedar ao descuberto provoca a formación de nubes de po tóxico. Estas traen como consecuencia o padecemento crónico de doenzas respiratorias para millóns de persoas da área.

Palabras veciñas

Arakhangaj | Árakhthos | Araks | Aral, mar de | Aralar | araldita | aralia