Arbones Castellanzuelo, Uxío

Arbones Castellanzuelo, Uxío

Médico e activista político. Estudiou Medicina en Santiago de Compostela, especializouse en Alemaña e chegou a ser un coñecido tocólogo, publicando neste eido Problemas fundamentales de la gestación (1929). Sensible ás ideas republicanas, participou na campaña antiforista. En 1913 publicou o artigo de axitación “Arranca Ferro” en El Tea, no que se mostra como un declarado partidario das iniciativas de Acción Gallega, organización política liderada por Basilio Álvarez. No 1916 comeza a súa transición cara ao socialismo propiciada pola dinámica xeral socialista, que se estaba abrindo cara ao agrarismo da bisbarra de Vigo nos anos previos á folga de 1917 nun intento de estruturar unha ampla conxunción republicano-socialista-agraria. Retomou o activismo político nos últimos anos da ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), cando asumiu a vicepresidencia do PSOE de Vigo. A súa actuación foi decisiva na elaboración das listaxes que concorreron ás eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que desembocaron na proclamación da Segunda República Española; el mesmo foi candidato do PSOE na listaxe republicano-socialista nas eleccións a deputados do 28 de xuño. As súas intervencións como deputado centráronse na defensa dos sectores produtivos galegos: a industria conserveira e o campo. A principios de 1932 achegou a súa experiencia e os seus coñecementos sobre o problema foral galego ao debate sobre a Reforma Agraria, que conduciu ao proxecto de lei presentado o 10 de febreiro de 1932; neste texto facíase unha historia do problema foral, pedindo unha rápida solución ao problema coa intervención do estado para favorecer os cultivadores directos da terra. Así mesmo, en novembro de 1932, recibiu na estación viguesa ao delegado do ministerio de Traballo, Práxedes Zancada, para mediar na folga mariñeira da CNT que enfrontaba daquela aos traballadores do mar e á burguesía viguesa. Na primavera de 1933, asinou xunto con outros deputados socialistas e galegos unha proposta a prol dos viños galegos. Nesta liña de defensa dos intereses agrarios galegos escribiu “Socialismo en el Campo” (1934) na publicación socialista de Ponteareas Renovación. Neste artigo defende a pequena propiedade agraria, que non explota a outros, e aproveita para desmentir a campaña das dereitas no sentido de que os socialistas ían expropiar as terras dos que eran, ao mesmo tempo, propietarios e traballadores da terra. Aínda que era un personaxe público e coñecido, nas eleccións de novembro 1933 non obtivo acta. Este feito fixo diminuír o seu activismo público, aínda que seguiu sendo militante, e non interveu nos sucesos revolucionarios de outubro de 1934 nin se presentou ás eleccións de febreiro de 1936. Aínda que as autoridades militares que se impuxeron en Vigo logo do levantamento do 18 de xullo de 1936 non o detiveron nin acusaron, a raíz da denuncia doutro médico, foi detido e asasinado xunto con outros socialistas, republicanos e supostos masóns, na madrugada do 15 de setembro.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ponteareas

  • Deceso

    Lugar : Puxeiros, Vigo