arcebispo
(< latarchiĕpiscŏpu < gr ἀρχιεπίσκοπος)
-
s
m
[HIST/ADM/RELIX]
Título que no organigrama da administración eclesiástica se confire á persoa responsable do goberno dun arcebispado. En esencia, trátase dun bispo que engade á administración da súa propia diócese unha certa autoridade, en gran medida de carácter honorífico, sobre outras dióceses que, xunto coa súa propia, conforman o que se designa como provincia eclesiástica, denominándose sufragáneos os bispos que encabezan as dióceses dependentes dun arcebispo. Estes serían os arcebispos plenos ou ordinarios; sen embargo, na estrutura eclesiástica hai outros dous tipos de arcebispos: os arcebispos titulares, dignidades honoríficas ocupadas por membros dos tribunais do Vaticano ou bispos auxiliares, debido a que corresponden a dióceses desaparecidas trala dominación islámica en Asia e África, e os arcebispos residenciais, aqueles que non gobernan sobre ningún bispo sufragáneo. Historicamente, o título de arcebispo xorde no proceso de adaptación da Igrexa Católica ás estruturas políticas que configuraban o Imperio de Roma, xa que no proceso de expansión do Cristianismo as institucións eclesiásticas aproveitaron as estruturas territoriais imperiais. Nas principais cidades romanas, establecéronse os bispos encargados do coidado das emerxentes comunidades cristiás. A complexidade da administración levou a que en cada provincia do Imperio se designase un bispo con potestade sobre os restantes prelados da mesma circunscrición. Seguindo o exemplo da política imperial, estableceuse que o designado para ocupar esta primacía fose o bispo da capital (metrópole) de cada provincia, polo que eran coñecidos co nome de metropolitanos. A palabra arcebispo non comezou a empregarse ata o s VI, aínda que a institución está regulamentada dende os primeiros concilios da Cristiandade, sobre todo nos celebrados no s IV en Nicea e Antioquía. Neses concilios confirmouse que o cargo de metropolitano tería que ser exercido por quen puidese probar ser bispo dunha metrópole, establecendo tamén que aquela cátedra episcopal que nalgunha ocasión acadase dignidade metropolitana, mantería esa honra por sempre. Este privilexio explica os peculiares acontecementos que se desenvolveron durante a dominación islámica da Península Ibérica. Moitas das dignidades metropolitanas que quedaron baixo dominio musulmán foron temporalmente trasladadas e outorgadas nominalmente a dióceses situadas en territorio cristián; deste xeito, ofrecíase a algúns bispos a posibilidade de acadar a dignidade arcebispal e metropolitana, como aconteceu no caso de Santiago de Compostela ao recoller o título arcebispal da metrópole emeritense. Xa no s XVI, o Concilio de Trento limitou profundamente as facultades dos arcebispos outorgando unha primacía absoluta á figura do Papa, de quen se consideraba que emanaban todas as prerrogativas arcebispais; así, xerouse unha profunda reforma do cargo e unha supresión dos abusos que se cometían co poder que significaba esta institución. Dende o Concilio Vaticano II (1959-1965) as fórmulas de provisión do cargo son as mesmas empregadas no nomeamento dun bispo, pasando a tomar posesión do arcebispado ao instalarse na sé o titular, logo de recibir a consagración episcopal aqueles que aínda non estivesen consagrados como bispos. Pola súa consagración, o arcebispo ten dereito a empregar unha serie de instrumentos que reflicten simbolicamente a súa potestade, como por exemplo o palio, que recibe directamente da Santa Sé, o emprego da capa curta e da chamada cruz patriarcal, que se caracteriza por ser de brazo duplo. Xerarquicamente, o rango de arcebispo considérase como dun nivel superior ao dos bispos ordinarios e un inferior ao dos primados que o Vaticano designa para cada estado. Esta superioridade sobre os bispos ordinarios, e concretamente sobre os sufragáneos da sé, xustifica e demarca o campo de acción das facultades do arcebispo, que ten potestade para a concesión de oitenta días de indulxencia ou para a convocatoria dun concilio provincial, único organismo polo que un arcebispo pode acadar autorización para a visita dunha diócese sufragánea. No que respecta ao campo moral, aconsellan os seus bispos dependentes para o axeitado exercicio das súas responsabilidades. No 2000 existen nove arcebispados no territorio eclesiástico español: Burgos, Granada, Santiago de Compostela, Sevilla, Tarragona, Toledo, València, Valladolid e Zaragoza.
-
arcebispo coadxutor
[HIST/ADM/RELIX]
Axudante concedido polo Papa ao titular dun arcebispado, polo xeral con dereito a sucesión. As súas facultades quedan determinadas nas escrituras apostólicas de nomeamento.
-
arcebispo maior
[HIST/ADM/RELIX]
Nas igrexas orientais, título que teñen as cabezas de demarcacións territoriais situadas fóra dun patriarcado. Actualmente só teñen este título os arcebispos ortodoxos de Grecia e de Chipre.
-
arcebispo metropolitano
[HIST/ADM/RELIX]
Metropolitano.
-
arcebispo residencial
[HIST/ADM/RELIX]
Arcebispo que rexe unha arquidiócese sen mando sufragáneo.
-
arcebispo titular
[HIST/ADM/RELIX]
Arcebispo que porta tal dignidade de xeito só honorífico.