arcediago
(< lat archidiaconus < gr ἀρχιδιάκονοs)
-
s
m
[ADM/RELIX]
Membro principal dun cabido catedralicio, primeiro entre os diáconos, encargado de dirixir o cabido e que segue na importancia do seu cargo ao bispo.
Sinónimos: arquidiácono. -
s
m
[ADM/RELIX]
Primeiro ou principal dos diáconos dunha igrexa.
Sinónimos: arquidiácono. -
s
m
[HIST]
Cargo eclesiástico situado tralo bispo. As primeiras referencias ao cargo datan do s IV cando se lles encarga auxiliar aos bispos en diferentes tarefas administrativas e litúrxicas como asistir ás ordenacións, controlar o traballo do clero, substituír o bispo na súa ausencia e, en xeral, funcións de vigairo. Ao medrar o seu poder xurisdicional, nalgunhas dióceses nomeáronse varios arcediagos e creouse un territorio de seu, o arcediagado. Desde os concilios de Braga (561) e de Mérida (666) está documentada a existencia do cargo. Trala ocupación da Península Ibérica polos musulmáns (711) ata o ano 1087 desaparecen as referencias documentais a este cargo; sen embargo, nos concilios de Santiago de 1060 e 1063 alúdese aos arcediagos con outro nome, e establécese a obriga de restauralo na diócese onde non existise. Co aumento da poboación e da extensión das dióceses aumentou o seu número. Os arcediagos galegos gozaron nas súas demarcacións de moita autonomía xurisdicional tanto no temporal como no espiritual, manténdose sen cambios significativos dende a Idade Media ata 1851. Polo Concordato desta data, desapareceu o cargo, manténdose un por diócese e reducíndose as súas funcións: só axudarían o bispo nas ordenacións que fixesen na cidade episcopal. Semella que foron frecuentes os casos de arcediagos corruptos, tentados polo poder acadado tanto no espiritual, chegando a ter prerrogativa de excomuñón, como no temporal, con capacidade para a recadación de cargas fiscais, que no nome do cabido conformaban grandes fortunas de carácter particular. Co tempo mantiveron o título de dignidade dentro do cabido, sinal da súa importancia pasada.