Arcediago de Toro

Arcediago de Toro

Poeta do Cancionero de Baena e un dos representantes da escola galego-castelá. Se ben o único dato biográfico que coñecemos, a través das rúbricas das súas composicións, é o do cargo eclesiástico que desempeñou, parece que é posible identificalo con Gonzalo Rodríguez que figura como testemuña no tratado asinado en Salvaterra en 1383 entre as coroas de Castela e Portugal, e relativo ao casamento do Rei castelán Xoán I e Dona Beatriz, filla do Rei portugués Fernando I. Viviu, xa que logo, durante o reinado de D. Xoán I de Castela (1379-1390). Na Carta Proemio escrita polo Marqués de Santillana a don Pedro, condestable de Portugal aparece nomeado como un dos poetas máis sobranceiros deste período. Algúns indicios apuntan a unha posible orixe galega: emprego do galego, presenza numerosa de cargos eclesiásticos galego-portugueses no tratado de Salvaterra, orixe galega de personaxes citadas nas súas poesías, etc. Deste autor consérvanse seis composicións, sobre as que a crítica non coincide á hora de indicar a lingua na que están escritas: para algúns estudiosos todas elas están en galego, mentres que para outros só catro se expresan na vella lingua trobadoresca, sendo as restantes unha bilingüe e outra en castelán. A pesar da escasa produción poética, cualificada ás veces de mediocre, o Arcediago de Toro destacou por certas notas de orixinalidade: posuía unha grande habilidade versificadora; manexou como poucos o verso de arte maior, sendo un dos seus primeiros cultivadores; renovou xéneros poéticos como o da desfeita ou os poemas de despedida; foi un auténtico mestre no uso da ironía e da sátira burlesca. Cultivou os temas e procedementos da escola trobadoresca galego-portuguesa, como na composición “El mui forte pensamento”, na que emprega, con habilidade, o leixaprén, o mordobre e a annominatio. O tema da partida abórdao na coñecida peza “A Deus, Amor!A Deus, el Rei!”, na que se despide de Amor, das damas, dos amigos e poetas namorados, e do mundo. Trátase, sen dúbida, da despedida do mundo trobadoresco xa en proceso de esmorecemento. Atención especial merece a súa peza máis célebre, o testamento burlesco “Pois que me vejo á morte chegado”, que se inscribe na liña dos testamentos literarios, como o testamento de amor de Afonso Enríquez, pero ao que lle imprime un verniz cómico e satírico. Así, no momento final da súa vida, reparte entre os seus amigos os seus bens: a alma, o corpo, o corazón, a súa arte, os ollos, as pernas, os cabelos, etc, a quen, probablemente, carecerían diso.

Cronología

  • Nacemento

  • Deceso