Ardenas, As

Ardenas, As

Rexión natural que se estende sobre a parte oriental de Bélxica, o norte de Luxemburgo e o departamento francés de Ardenas. O conxunto está formado por un macizo paleozoico completamente arrasado pola erosión e constituído sobre todo por xistos, asperón e filitas de cuarzo. A descomposición dos xistos produciu un solo arxiloso, impermeable, con briofitos e a conseguinte acumulación de turba, que foi utilizada durante moito tempo como material de combustión. Os Hautes Fagnes e a plataforma do Baraque Michel son as máis grandes destas áreas pantanosas. En agosto de 1914, principiando a Primeira Guerra Mundial, o exército alemán, en marcha cara ao oeste, venceu nas Ardenas á resistencia francesa. Durante a Segunda Guerra Mundial, a Wehrmacht (infantería alemana) rompeu nesta rexión a fronte defensiva francesa (1940); no mesmo conflito, a finais do 1944, tivo lugar nesta rexión a derradeira contraofensiva das tropas alemanas.