Ares

Ares
  1. [ONOM]

    Nome e apelido galego moi frecuente xa desde a Idade Media, ben con esta forma ou coa variante Aras. Podería tratarse tamén dunha variante de Airas; sen embargo, parece máis probable que teña que ver con Ares, antropónimo de orixe toponímica. O nome de lugar parece vir de Anaris ‘río’ (os romanos falaban do flumen Anas ‘río Anas’, os árabes de guadi Ana, e nós do río Guadiana), aínda que máis ben proceda da raíz prerromana *ar ‘auga’. Como apelido xa se documenta no s XIII: “Pedro Aras de Lavacengos” (doc ano 1259 en E. Cal Pardo, El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Colección documental, 1984, p 259) e “Johan Ares de Lagẽa” (doc ano 1267 en C. de Azevedo Maia, Histôria do galego-português. Estado lingüístico da Galiza e do Noroeste de Portugal do século XII ao século XVI, 1986, p 128). A festividade do mártir santo Ares celébrase o 19 de decembro.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe procedente da vila coruñesa deste nome que se espallou despois por toda Galicia e por diversos lugares de Asturias e León. As armas dos Ares levan, en campo de azul, tres flores de lis de prata ben ordenadas e unha flor de lis con catro veneras, unha en cada cantón, e o bordo cargado de cinco estelas, que son as armas que empregaba o bispo de Oviedo, Xoán Ares de Vilar. Outra variante trae, en campo de ouro, un xabaril andante, de sable.

Palabras veciñas

Ares | Ares | Ares | Ares | Ares | Ares de Parga, Aureliano | Ares de Parga, Ignacio