Arezzo
Arezzo
Capital da provincia de Arezzo, na rexión da Toscana, Italia, situada no alto val do Arno (90.005 h [1991]). Cidade de moita importancia durante o período etrusco, e colonia romana durante o Imperio. Dende o s XI foi gobernada por cónsules. No 1384 foi tomada e vendida a Florencia, principiando a súa decadencia. Os etruscos deixaron boas mostras de escultura en bronce como a Quimera de Arezzo (s V a C). Na época romana, a cidade chegou a ser a máis importante produtora da cerámica denominada terra sigillata. O monumento máis importante é a Igrexa da Pieve di Santa Maria (ss XII-XIII), dun Románico caracteristicamente pisano. Trátase dunha das zonas nas que máis abundan as empresas dedicadas á ornamentación con ouro.