Arias Castaño, Xela
Poetisa, tradutora e ocasionalmente narradora. Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Vigo. No eido da poesía publicou os títulos Denuncia do equilibrio (1986); Tigres coma cabalos (1990) -en colaboración co fotógrafo Xulio Gil- , Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Participou en libros poéticos colectivos como Palabra de muller (1992), Daquelas que cantan... Rosalía na palabra de once poetas galegas (1997), Camelias para elas (1999, Concello de Vigo), con Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán e María del Carmen Kruckenberg, con fotos de Alfonso Lubián, Un futuro para a lingua (2003) Xunta de Galicia, Cartafol poético para Alexandre Bóveda (2006) e Pensando nelas (2006). En 1990 apareceu no libro colectivo Contos eróticos, elas co relato “Que si, que si. Tamén é autora de traducións ao galego das obras Amor de perdición (1986), de Camilo Castelo Branco, que recibiu o Premio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa; O bosque animado (1987), de Wenceslao Fernández Flórez; Dublineses (1990), de James Joyce, en colaboración con Débora Ramonde; O derradeiro dos mohicanos (1993), de Fenimore Cooper, Premio de Tradución Ramón Cabanillas. Tamén A cantiga de amor, de Vicenç Beltran Pepió (1995), Black Venus (Venus Negra), de Angela Carter (2001) e O Spleen de París de Charles Baudelaire, Premio de Tradución Plácido Castro 2004 (póstumo). Colaborou, ademais, en diversas revistas e xornais (A Nosa Terra, Grial, Festa da Palavra Silenciada, Tintimán, Dorna, Luzes de Galicia, etc) e interviu con asiduidade en recitais poéticos.
O 29 de maio de 2004, fíxoselle, en Vigo, unha homenaxe organizada pola Asociación Galega de Editores, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Tamén ese mesmo ano, Xerais e a AELG, publicaron o libro Xela Arias, quedas en nós, coordinado polo pai da poeta, no que colaboraron numerosos autores.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Lugo -
Falecemento
Lugar : Vigo