Arizona

Arizona

Estado dos EE UU na rexión da Montaña (295.260 km2; 4.428.068 h [1996]). A súa xeoloxía está formada principalmente por rochas sedimentarias que constitúen o deserto de Gila, ao SO, e os altiplanos de Colorado e San Francisco ao N, cos famosos canóns provocados polo traballo erosivo dos paleorríos, entre os que destaca o Gran Canón. A faixa central está formada polas rochas eruptivas das montañas de San Francisco. A rede hidrográfica redúcese ao río Colorado, no límite con California e os seus afluentes; os encoros construídos para o regadío orixinaron os lagos artificiais de Mead e Havasu. O clima é árido, e só permite a existencia dunha vexetación pobre e xerófila, con moitas especies de cactos. A agricultura é difícil. A industria máis importante é a de fundición e refinado do cobre; este estado produce o 56% do cobre de todo o país. As reservas para os indios ocupan 79.590 km2 do territorio (navahos, pápago, hopi, apaches). A capital é Phoenix, onde se concentra o 29% da poboación total. Os territorios do actual estado de Arizona formaron parte do vicerreinado de Nova España ata a independencia de México. Polo Tratado de Guadalupe Hidalgo (1848) México tivo que cedelos aos EE UU.