Arles
Cidade do departamento francés de Bouches-du-Rhône, en Provenza (52.058 h [1990]). Desenvolveuse industrialmente en contacto coa grande área de Marsella. Foi mercado celta (Arelate) e grego. A partir da romanización, cando se converteu nunha importante colonia romana, Arles xogou un papel histórico de primeira orde, sendo prefectura e residencia imperial dende o tempo de Constantino. Foi punto de partida da difusión do Cristianismo e escenario de diversos concilios. A raíz das invasións xermánicas, foi capital política e cultural da Galia. A partir do 933 foi capital do Reino de Arles. Cando a Provenza estaba rexida pola dinastía de Barcelona, Ramón Berenguer I (III de Barcelona) estableceu en Arles a súa residencia. Quedan neste lugar importantes vestixios da época romana como as Arenas, anfiteatro elíptico (46 a C), e as ruínas do teatro (finais do s I a C). Alí foi atopada a famosa Venus do Musée du Louvre de París. Situada nun dos camiños de peregrinación a Compostela, posúe unha catedral románica do s XII (San Trófimo).