Armeria

Armeria
[PLANTA]

Xénero de herbáceas perennes da familia das plumbaxináceas, cespitosas, con follas lineais ou lanceoladas, dispostas nunha roseta basal, e talos portadores de glomérulos de flores purpúreas ou brancas. Son plantas de alta montaña ou de beiramar. En Galicia pódense atopar unha ducia de especies, das que as máis comúns son: A. duriaei, propia de fendas de rochas e pastos de montaña, pero tamén a A. marítima e A. pubigera, rexistrados nos rochedos costeiros, que son coñecidas co nome de herba namoradeira. Tamén se pode atopar A. merinoi, que constitúe un endemismo propio das rochas ultrabasálticas do centro do país.