aromático -ca
(< aroma)
-
adx
Que ten ou desprende aroma.
Sinónimos: fragrante, recendente. Antónimos: pestilente, fedorento. -
adx
[QUÍM]
-
Dise dos compostos orgánicos que manifestan aromaticidade e en particular das substancias que teñen na súa molécula un ou máis núcleos bencénicos.
-
Relativo ou pertencente aos compostos aromáticos e ás súas reaccións.
-
-
serie aromática
[QUÍM]
-
Serie de hidrocarburos cíclicos que conteñen un ou máis núcleos bencénicos (illados ou condensados).
-
Conxunto dos compostos orgánicos que derivan destes hidrocarburos. As características esenciais dun composto aromático son a estabilidade do esqueleto de carbonos do núcleo bencénico, a deslocalización dos seus enlaces dobres e o predominio das reaccións de substitución. As substitucións nos compostos aromáticos poden ser homolíticas ou heterolíticas. Os substituíntes aceptantes de electróns teñen un efecto desactivante e orientan a substitución en posición meta. Inversamente, os substituíntes doadores de electróns (grupos alquil, OH, OR, NHCOR, etc) exercen unha marcada activación e orientación en orto e para. Os compostos aromáticos con ciclos condensados son máis reactivos que os derivados bencénicos. Exemplos típicos de substitucións son as reaccións de haloxenación, de Friedel e Crafts, a opulación con sales de arildiazonio, etc. Como nas reaccións de adición cómpre mencionar a adición de halóxenos e a hidroxenación catalítica. Unha característica importante dos compostos aromáticos está tamén nas propiedades peculiares que adquiren certos grupos funcionais cando son unidos a un carbono do núcleo: diferencias entre fenois e alcois, entre aminas aromáticas e aminas alifáticas ou alicíclicas. Dende o punto de vista espectral, os compostos aromáticos absorben no ultravioleta próximo e no infravermello, onde presentan bandas características das vibracións dos enlaces =CH e C=C. Gran número de hidrocarburos aromáticos non substituídos (benceno, naftaleno, antraceno, fenantreno, etc) e uns poucos hidrocarburos bencénicos con cadeas laterais (tolueno, xileno, mesitileno, estireno, cumeno e cimeno) teñen nomes individuais. Os outros denomínanse como derivados destes. A posición das cadeas laterais precísase en cifras ou, en certos casos, cos prefixos orto-, meta- e para-. Actualmente a través do petróleo obtéñense diversos hidrocarburos aromáticos de interese industrial. Nos seres vivos os compostos aromáticos non son moi abundantes, non obstante o seu papel é considerable, especialmente pola presenza nas proteínas de tres aminoácidos aromáticos (fenilalanina, tirosina e triptófano), pola natureza aromática dun constituínte maior dos vexetais leñosos: a lignina e, finalmente, pola existencia de numerosos precursores ou derivados metabólicos importantes das substancias mencionadas.
-