Arouet, François-Marie ou Voltaire
Escritor e pensador. Formado polos xesuítas, de mozo introduciuse en ambientes mundanos e libertinos que lle inculcaron un certo esnobismo social. Estudiou Dereito sen moito entusiasmo e deuse a coñecer cuns versos satíricos que lle valeron durante os primeiros anos da Rexencia (1715-1718), diversos confinamentos e unha breve estadía na prisión da Bastilla. Unha traxedia neoclásica, Oedipe (1719), chea de alusións políticas e anticlericais, fíxoo popular entre a nobreza e recibiu protección do rexente e do Rei (concedéronlle dúas pensións en 1722). Insistiu na súa crítica subversiva no poema épico La Henriade (edición clandestina de 1723), malia o que seguiu frecuentando a corte e mesmo foi invitado á voda de Luís XV. Non obstante , a disputa co cabaleiro de Rohen (1726) reportoulle unha nova estadía na Bastilla e o exilio en Londres ata 1729. Este período inglés transformouno nun burgués consciente e combativo, máis sensible á historia e cultura estranxeiras -descubrimento de Newton, imitacións de Shakespeare, como Brutus (1730)-. De volta a Francia publicou a Histoire de Charles XII (1731) que, retirada pola policía e reimpresa clandestinamente, acadou un grande éxito en toda Europa. Maior escándalo provocaron as Lettres philosophiques (Cartas filosóficas, 1734), queimadas polo verdugo. Instalado no castelo de Cirey, escribiu versos e teatro e polemizou con todo o mundo. A partir de entón xa foi coñecido internacionalmente (carteábase con Federico de Prusia). Amasou unha pequena fortuna coas súas operacións financeiras e fixo xestións diplomáticas próximas á espionaxe. En 1745 nomeárono historiógrafo de Francia e publicou o poema cortesano Le bataille de Fontenoy. Ao ano seguinte ingresou na Académie e recibiu o título de xentilhome ordinario. En 1748 foi despedido de Versalles. Afectado, tamén, pola morte da súa amante, Madame de Châtelet, aceptou a oferta do Rei de Prusia de ser o seu conselleiro literario (1750-1753). Despois de romper co Rei, fuxiu a Berín. Desta época é o seu libro Le siècle de Louis XIV (O século de Luís XIV, 1751). Máis tarde instalouse en Xenebra, pero topou co puritanismo dos calvinistas, escandalizados polo seu poema bufo La Pucelle (A Doncela, 1755) sobre Xoana de Arco. Polemizou con Rousseau e foi acusado de ser o inspirador da Enciclopèdie. Esta época de crise reflíctese no poema Le de-sástre de Lisbonne (1756). Sentíndose ameazado mercou a propiedade de Ferney (1758) e regresou a Francia, aínda que preto de Suíza. Comezou entón a etapa final da súa vida (que compartiu coa súa sobriña e nova amante Madame Denis) na que loita contra os católicos e os protestantes, contra Rousseau e contra os ateos, e na que intervén en numerosos casos xudiciais. O resumo da súa filosofía, moi práctica e acomodaticia, recóllese no Ditionnaire philosophique (1764): deísmo, relixión e moral naturais, rexeitamento das relixións positivas e de toda a metafísica, racionalismo e loita contra os criterios de autoridade e a intolerancia, posicións relativamente moderadas e con frecuencia ambiguas, que aínda o son máis na súa versión política e social (odio ao Absolutismo e simpatía por un réxime liberal á inglesa, sen excluír a constante tentación do Despotismo Ilustrado). Despois dunha longa ausencia, foi recibido apoteosicamente en París, aínda que non tardaría moito en morrer. Unha gran parte da súa extensísima obra ten un interese puramente histórico (poesía, teatro, libelos), pero sobresaen os seus Romans et contes (Romances e contos), -case que todos na súa vellez: Zadig (1747), Micromégas (1752), Candide (1759), L’Ingénu (1767), cheos de graza e picardía cunha oculta tristeza- e un formidable epistolario -consérvanse máis de dúas mil cartas-, que revelan unha extraordinaria personalidade e un gran talento de escritor, máis que de filósofo.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso