Arousa, Illa de

Arousa, Illa de

A maior das illas da ría de Arousa, que constitúe parroquia e concello independente dende xaneiro de 1997, Illa de Arousa. Ten unha superficie de 7 km2 estendéndose en latitude dende os 42° 34’ 36’’ N no seu extremo setentrional, (a punta Campelo), ata os 42° 31’ 31’’ N do seu cabo meridional (punta Lombeira) e en lonxitude dende os 8° 51’ 13’’ O (praia do Vao) ata os 8° 53’ 26’’ O (punta Barbafeita). Xeoloxicamente correspóndese con dous inselbergs residuais dun antigo batolito de granodioritas (hoxe asulagado na súa maior parte logo dun complexo proceso tectónico de subsidencia e transgresión mariña), unidos por un depósito de praia no N. A súa cota máxima son os 66 m de altitude do monte Palmeira, no NO. Está unida a terra firme por unha ponte curva de 1.800 m de lonxitude construída na década de 1980.