Arrabal Terán, Fernando

Arrabal Terán, Fernando

Dramaturgo, poeta e novelista. En 1954 viaxou a París para ver o Berliner Ensemble, iniciando así a estadía na cidade onde publicou e viu estreados moitos dos seus textos adaptados á lingua francesa. Influenciado polo Surrealismo e o Absurdo, na modalidade que el chama “pánica”, unha boa parte da súa obra, aquela que concibe no autoexilio parisino, destaca pola súa irreverencia, por unha marcada tendencia a reflectir condutas humanas dominadas polo sadismo e por unha permanente exploración do ritual e da cerimonia. Pasou, despois, ao Théâtre Bouffe, a medio camiño entre o vodevil e o absurdo. É autor, entre outras pezas, de Piqué-Nique en campagne (1952), Fando et Lis (1964), L’Architecte et l’empereur d’Assyrie (1967), Volemoi un petit milliard (1977), Le pastuga des loufs ou overture orng-outan (1978) e Punk et Punk et Colégram (1978). Realizou filmes como Viva la muerte! (1971), J’irai comme un cheval fou (1973) e L’arbre de Guernica (1975). Como novelista destacan La torre herida por el rayo (1983) e La extravagante cruzada de un castrado enamorado (1990). En Galicia realizáronse varios espectáculos a partir de textos da súa autoría, entre os que salientan Ceremonia por un negro asesinado, presentado en Vigo por Máscara 17 en 1971, Pic-nic, estreado por Artello en 1977 e O triciclo, presentado por Sarabela Teatro en 1985, con dirección de Ánxeles Cuña. Tamén se incluía un fragmento de Fando e Lis na produción E vostede, como se chama?, de Teatro de Ningures (1985).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Melilla