Arras
Capital do departamento francés do Pas-de-Calais, na rexión de Artois, situada nas ribeiras do Scarpe (38.983 h [1990]). Centro comercial e mercado agrícola das chairas setentrionais francesas, constitúe o centro dunha aglomeración de máis de 800.000 h. Antiga capital dos celtas atrébatos, bautizada por César como Nemetacum ou Nemetocenna. Devastada no s IX polos normandos, pasou a ser posesión dos condes de Flandres desde o s IX ata finais do XII, cando foi anexionada a Francia e convertida en capital do condado de Artois. Axiña pasou á Casa de Borgoña. A prosperidade de Arras, grazas principalmente á industria tapiceira, viuse interrompida durante o s XIV polas loitas entre pobo e patriciado e polas guerras entre os duques de Borgoña e os reis de Francia. Na Grande Place destacan diversos edificios do s XVIII, e na Petit Place a casa do concello do s XVI. A súa catedral, de estilo neoclásico, é do s XVIII. Posúe un museo rico en pintura francesa e flamenga.