Ars Musicae
Coro de cámara fundado en Pontevedra en 1977 e dirixido por Margarita Guerra Peinado. Composto por vinte e cinco voces mixtas, o seu repertorio abrangue dende as clásicas obras de polifonía do s XVI ás máis notables da música contemporánea, como as de Carl Orff, Joam Trillo, Enrique Macías, Rogelio Groba, Ángel Barja e Fernando Vázquez Arias, entre outros compositores. Coas súas actuacións percorreu toda Galicia colaborando coas orquestras da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo; tamén actuou en Portugal, Londres e Francia, en concertos e festivais internacionais. Participou nas XX Semanas Internacionais de Cant Coral (Barcelona, 1984), en Europalia Cantat 85 (Bélxica, 1985) e na IV Semana de Música e Polifonía Sacra (Segovia, 1986). É un dos coros promotores da Federación Coral Galega (FECOGA). Dentro da súa discografía destacan: Polifonía relixiosa e profana. Século XVI, Mestres de capela composteláns. Séculos XVII e XVIII e Galicia ten himno e escudo de seu.