Arte de trobar

Arte de trobar

Nome que designa o tratado de poética galego-portugués que encabeza o Cancioneiro da Biblioteca Nacional. Trátase dun texto moi breve, pois non ocupa máis que os folios 3 e 4 do cancioneiro, ao tempo que fragmentario, dada a súa mutilación inicial; unha lagoa que probablemente xa estaba presente no manuscrito orixinal perdido. Disposto igual ca as cantigas, a dúas columnas, o texto foi copiado por dúas mans, sendo unha delas a do propio compilador, o humanista Angelo Colocci. A pesar da confusión existente entre os termos titolo e capitolo, esta breve poética divídese en títulos, subdivididos á súa vez en capítulos, comezando cada un deles con grandes letras capitais. Debido á gran lagoa inicial, faltan o primeiro e segundo títulos completos e os tres capítulos que inician o Título III, unha ausencia que equivale aproximadamente á cuarta parte -ou mesmo á metade- da extensión total do tratado. Deste modo, o texto conservado comeza no capítulo 4º do Título III, que dedica nove capítulos á distinción e definición dos xéneros poéticos; así, o mencionado capítulo 4º aborda as cantigas dialogadas de amor e de amigo, mentres que os dous capítulos seguintes se centran, respectivamente, na cantiga de escarnio (capítulo 5º) e na cantiga de maldicir (capítulo 6º); o capítulo 7º ocúpase da tenzón e os dous últimos da cantiga de vilão (capítulo 8º) e da cantiga de seguir (capítulo 9º). O máis probable é que os tres primeiros capítulos deste Título III atendesen á descrición das cantigas de amor e das cantigas de amigo e quizais tamén ás modalidades, entre outras, da bailada e da pastorela. Non obstante , non parece existir paralelo deste último aspecto no xénero satírico, onde falta calquera alusión ao escarnio moral, político ou literario, así como ao pranto e ao partimen. O Título IV, cun total de seis capítulos, interésase por cuestións de métrica e composición, abordando no primeiro capítulo o estudo do talho das cantigas, é dicir, a dimensión e o número de estrofas que deben ter as composicións. Segue a análise das peculiaridades rimáticas da palavra perduda (capítulo 2º), o estudo do encabalgamento nas cantigas atehudas (capítulo 3º) e do funcionamento da fiinda amodo de conclusión (capítulo 4º), e a explicación de fenómenos de repetición como o dobre (capítulo 5º) e o mordobre (capítulo 6º). O Título V, que contén unicamente dous capítulos, profundiza no tema da concordancia dos tempos verbais (capítulo 1º) e detense nun estudo detallado dos tipos de rimas (capítulo 2º). Por último, os tres capítulos do Título VI recollen a referencia aos erros do tratado (capítulo 1º) e mencionan explicitamente o caçefetõ (capítulo 2º) e os encontros vocálicos no verso (capítulo 3º). Destaca a minuciosidade clasificatoria, patente, sobre todo, na descrición dos xéneros menores; non sucede o mesmo no caso dos xéneros maiores, que revelan unha intención demasiado xeneralizadora. Sorprende tanto o capítulo dedicado á cantiga de vilão (Título III, capítulo 8º) como o que recolle a descrición e clasificación da cantiga de seguir (Título III, capítulo 9º). Mentres que da cantiga de seguir non se recoñecen máis que tres textos na totalidade do corpus, a representación da cantiga de vilão non vai máis aló da alusión que a ela se fai nas dúas rúbricas que abren e pechan a composición “Vosso pai na rua”, de Johan de Gaia. Algo similar acontece coas cantigas de joguete d’arteyro e as cantigas de risabelha, mencionadas na definición da cantiga de escarnio, pois non se pode identificar ningunha destas modalidades nos cancioneiros. Sen dúbida, estas peculiaridades dan conta dunha realidade textual bastante máis rica ca a transmitida polos manuscritos conservados. Por outra parte, apréciase un gran desequilibrio e desproporción na extensión das definicións. Un claro exemplo é o da propia cantiga de seguir, que ocupa tanto ou máis espazo que a cantiga de escarnio, a cantiga de maldicir ou a tenzón, xéneros maiormente representados nas composicións recollidas nos cancioneiros. A finalidade deste tratado é meramente didáctica, pois pretende darlle ao lector as pautas precisas para o recoñecemento dos xéneros, formas e recursos nos textos. Ao contrario do que sucede coa maioría das artes poéticas medievais, non é unha obra destinada a ensinar a compoñer poesía, tal e como demostran a súa falta de profundidade, a présa e a ausencia de referencias a textos e autores que exemplifiquen e axuden a entender o contido de cada un dos apartados. Quizais o seu carácter xenérico e a súa escasa repercusión estean relacionados co momento da súa redacción -moi posterior á composición das cantigas-, con toda probabilidade da metade do s XIV, na fase final da lírica galego-portuguesa. Non hai ningún dato seguro que nos desvele a identidade do autor desta poética. Podería tratarse dun clérigo, tendo en conta a organización escolástica do tratado ou a utilización da terminoloxía das poéticas latinas. Máis atractiva é a hipótese de que fose o propio Pedro de Portugal, conde de Barcelos ou algún dos seus colaboradores -Estevan da Guarda ou Johan de Gaia-, os encargados de elaborar unha poética que introducise o cancioneiro orixinal que estaban a organizar.