Artigas, José Gervasio
Militar e político uruguaio líder do movemento de emancipación no vicerreinado do Río da Prata. Era capitán do exército español no rexemento chamado os blandengues, co que combatiu contra rebelións indíxenas e contra o ataque de portugueses (1801) e ingleses (1806-1807). Trala invasión napoleónica de España (1808), uniuse á Xunta Revolucionaria de Bos Aires participando na insurrección pola independencia, á cabeza dos crioulos rebeldes de Oriente (1811). Derrotou aos españois na Batalla de Las Piedras (maio de 1811) e cerca Montevideo; houbo de levantalo ao chegar a un acordo polo que a Xunta de Bos Aires recoñecía aos españois a soberanía da banda oriental. Iniciou entón un éxodo (denominado “éxodo do pobo oriental”) que o levou ao río Uruguai. Abertas novamente as hostilidades (1812), volveu asediar Montevideo. O Congreso de Tres Cruces (1813) púxoo á fronte da administración da provincia e condicionou o recoñecemento da Asemblea Constituínte de Bos Aires a que esta admitira as Instruciones del año XIII, feito que provocou unha ruptura entre os centralistas monárquicos de Bos Aires e Artigas. Abandonou o asedio de Montevideo (xaneiro de 1815) e traballou na organización dos elementos federalistas de todo o antigo vicerreinado -que no congreso de Concepción (xuño de 1815) o proclamou “protector dos pobos libres”- e na administración da propia provincia. Promulgou un regulamento rural (1815) que prevía a distribución de terras vacantes entre os non propietarios. Malia ser o principal representante da corrente federalista no Río da Prata, unha vez derrocado o Directorio de Bos Aires (1820), e por mor da rivalidade co xefe federalista de Entre Ríos, foi vencido en La Bajada (setembro de 1820) e refuxiouse no Paraguai. Postumamente, no 1856, o goberno da República Oriental do Uruguai proclamouno “fundador da nacionalidade oriental”.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Montevideo -
Deceso
Lugar : Ibiray, Paraguai